Vigo al minuto

O BNG solicita todas as ‘cartas de interese’ enviadas polo Concello a promotoras de concertos, dende 2022

Ante as “falsedades” en relación coa actuación de Guns N’Roses

O BNG solicita todas as 'cartas de interese' enviadas polo Concello a promotoras de concertos, dende 2022

O Bloque Nacionalista Galego vén de demandar o acceso a todas as ‘Cartas de interese’ enviadas polo Concello de Vigo a promotoras artísticas dende o pasado 1 de xaneiro de 2022. Así o anunciou este mércores o seu portavoz municipal. Xabier P. Igrexas asegurou que esta solicitude está motivada polas “continuas falsidades e mentiras” do Goberno local en relación ao concerto de Guns N’ Roses.

“Irregular e frustrado patrocinio publicitario”

“Facémolo no obxectivo de seguir avanzando no esclarecemento profundo do sucedido no irregular e frustrado proceso de patrocinio publicitario da actuación da banda estadounidense”, subliñou Igrexas. Así, dende o Bloque retan desta forma ao Goberno municipal a demostrar que se enviaron outras cartas de interese, tal e como afirmou repetidas veces o voceiro socialista, Carlos López Font, para tentar xustificar que non existía un preacordo coa promotora de Guns N’ Roses e que estas misivas se tratan dun procedemento habitual.

“Por iso queremos coñecelas todas e o seu contido”, salientou o portavoz do BNG de Vigo. Nese sentido, lembrou como o propio Font negou nun primeiro lugar a existencia dunha carta de interese para, posteriormente, asegurar que se trataba dun documento xenérico e sen compromisos concretos. Afirmacións que, subliña o responsable local do Bloque, “tras facer pública o BNG a misiva enviada á promotora Sweet Nocturna, quedaron en evidencia como falsidades para encubrir todo o sucedido”. Así, o documento contiña datos específicos sobre o concerto de Guns N´ Roses e o importe a pagar, e foi emitido malia as advertencias da Asesoría Xurídica do propio Concello.

4.300 páxinas de documentos municipais relacionados co concerto

Igrexas avanzou que esta solicitude é “un paso máis” dentro do proceso de análise en detalle das case 4.300 páxinas de documentación municipal relacionadas coa actuación da banda estadounidense e o patrocinio publicitario.

También te puede interesar