Vigo al minuto

Aparecen na Ría de Vigo, por primeira vez en Galicia, exemplares de ‘Mosquito Tigre’

Son transmisores do dengue

Aparecen na Ría de Vigo, por primeira vez en Galicia, exemplares de 'Mosquito Tigre'

Imagen: James Gathany/ A Xunta de Galicia, a través da dirección xeral de Saúde Pública, informou hoxe da detección no concello de Moaña de exemplares do mosquito aedes albopictus, comunmente chamado ‘mosquito tigre’.

O goberno autonómico conta cunha Rede Galega de Vixilancia de Vectores que identificou durante o ano pasado máis de 6.000 exemplares de mosquitos con potencial interese pola súa capacidade de ser vectores de transmisión de enfermidades humanas e animais. Desde a posta en marcha este ano do novo Plan Nacional de Prevención, Vixilancia e Control das enfermidades transmitidas por vectores, Galicia colabora tamén co Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) no impulso do proxecto de ciencia cidadá ‘Mosquito Alert’, que facilita a participación da cidadanía na achega de información sobre presenza de mosquitos a través dunha app.

Grazas a un veciño

Precisamente mediante ese método e grazas á colaboración dun veciño da localidade de Moaña se detectou a presenza de exemplares que, tralo estudo por parte da Rede Galega de Vixilancia de Vectores, se certificou que pertencían a esta especie, que é a primeira vez que se detecta en Galicia.

Pode transmitir o dengue e Zika

Este mosquito é un potencial transmisor de enfermidades como os virus do denguechikungunya ou Zika. En consecuencia, o protocolo previsto no Plan Nacional leva a tomar medidas para previr o risco, aínda que non se puido aínda confirmar a presenza de ningún destes virus nos exemplares existentes en Moaña. De feito, a presenza deste mosquito noutras comunidades autónomas españolas non produciu circulación destes virus agás casos illados de dengue detectados en 2018 e 2019.

Comité técnico de coordinación

No marco do protocolo establecido no Plan Nacional de Prevención, Vixilancia e Control, a Xunta constituíu un comité de coordinación de carácter técnico para o que xa foron solicitados representantes aos departamentos autonómicos de Medio Ambiente, Medio Rural, Interior, á área sanitaria de Vigo e ao propio Concello de Moaña.

Este comité, coordinado pola subdirección xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía da dirección xeral de Saúde Pública, reunirase nos vindeiros días para planificar accións de reforzo da vixilancia da poboación deste mosquito co obxectivo de controlala para evitar a súa dispersión, así como reforzo da vixilancia epidemiolóxica ante posibles casos de picaduras e a difusión de consellos para a poboación á hora de evitar a proliferación de mosquitos e a súa picadura.

Información e consellos para a poboación

Recoméndase á poboación da zona afectada o mantemento de boa hixiene persoal e o uso de repelentes eficaces para minimizar o risco de picadura. As picaduras son moi molestas e poden producir reaccións alérxicas de certa gravidade.

O ‘mosquito tigre’ cría en pequenos recipientes que acumulan auga estancada durante máis dunha semana, polo que se recomenda revisar cada 4 ou 5 días lugares como bebedeiros de mascotas, floreiros ou pratos situados baixo as macetas para evitar que se creen hábitats propicios para a instalación do mosquito.

App Mosquito Alert

Por outra banda, a Xunta de Galicia agradece a colaboración cidadá na detección de presenza deste mosquito. A app Mosquito Alert permite enviar unha fotografía de mosquitos detectados para que sexan analizados por expertos do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e da Rede Galega de Vixilancia de Vectores que a Xunta mantén en colaboración coas universidades de Santiago de Compostela e Vigo.

O mosquito aedes albopictus ou ‘mosquito tigre’ caracterízase pola súa coloración negra intensa cunha liña branca lonxitudinal central en tórax e cabeza e as súas patas a bandas negras e brancas. O seu tamaño pode oscilar entre os 5 e os 10 milímetros.

También te puede interesar