A Deputación de Pontevedra organiza esta fin de semana outras dez novas saídas no marco do programa “En Ruta coa Depo”, unha iniciativa que ofrece aos colectivos sociais da provincia a posibilidade de pasar un día de convivencia, ocio e tempo libre en lugares emblemáticos do territorio provincial.
540 persoas
Así, entidades dos concellos de Redondela, Cuntis, Ponte Caldelas, Vigo, Pazos, Vilagarcía de Arousa, Moaña, Silleda e Ponteareas mobilizarán un total de 540 persoas (54 por entidade) para coñecer diversos enclaves da provincia como a
Illa de Ons, Portonovo; Cíes; o Berbés; San Simón; a illa de Tambo ou a ría de Arousa.
Sábado, 12
Deste xeito, cinco entidades da provincia sairán con “En Ruta coa Depo” o sábado 12 de agosto. A Asociación Andaina de Persoas con Diversidade Funcional de Redondela desprazarase ás illas Cíes e ao barrio vigués do Berbés; mentres que as asociacións de Mulleres Rurais A Nosa Señora do Socorro, de Cuntis, e Aires del Norte y Olé, de Ponte Caldelas, viaxarán á illa de Ons e á localidade mariñeira de Portonovo (Sanxenxo).
Ademais, o Club de Fútbol Balaídos de Vigo gozará dunha ruta polo Morrazo, que inclúe actividades de caiac na praia de Liméns e a visita aos enclaves de Costa da Soavela, Cabo Home e Monte do Facho e ás praias de Melide e Barra. Pola súa banda, a Asociación Cultural Nespereira, de Pazos de Borbén, participará nunha ruta pola ría de Arousa, que inclúe un paseo en barco e visitas á illa da Toxa e o Museo Salgadeiras de Moreiras, no Grove.
Domingo, 13
O programa seguirá o domingo 13 con outras cinco rutas. Dous dos colectivos, Asociación Areva de Vilagarcía e Casa Cultural Artística e Deportiva de Areas, de Ponteareas, viaxarán á illa de San Simón e coñecerán tamén o Castelo de Soutomaior, Ponte Sampaio e Redondela, con visita ao Museo Meirande. O Club de Xubilados e Pensionistas Nosa Señora do Carme de Moaña participará nunha ruta para coñecer a cultura mariñeira de Poio, con parada no Mosteiro de San Xoán, a illa de Tambo e Combarro. Por último, a Asociación Veciñal Manduas, de Silleda, e a Asociación Mulleres Ponteareanas Vila do Corpus, desprazaranse á illa de Ons e á localidade mariñeira de Portonovo.
33 rutas temáticas
Deste xeito, a través de “En Ruta coa Depo”, a Deputación de Pontevedra ofrece 33 rutas temáticas nas que este ano participarán preto de 20.300 persoas e case 400 asociacións. Todas as prazas do programa, que conta cun orzamento próximo aos 480.000 euros, están subvencionadas pola institución provincial. Delas, 300 están financiadas ao 100% co obxectivo de achegar a iniciativa ás persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión social.
Por suposto, o programa inclúe o desprazamento de ida e de volta en autobús, unha visita guiada cunha persoa habilitada como guía de turismo especializada de Galicia, e mais un xantar.