A concelleira de Benestar Social destacou que o apoio ao programa é unha “cuestión de solidariedade e non un esforzo“. Subliñou que polo desenvolvemento destas iniciativas “é polo que teñen que apostar as administracións“. Asemade, expresou o seu agradecemento ás familias de acollemento, “porque sen elas o programa non sería posible“, destacou.
O delegado para Galicia do pobo saharaui, Ahmedu Mojtar, agradeceu tanto ao Concello de Vigo como ás familias de acollida o seu compromiso en tempos de crise que, segundo apuntou, “repercute na axuda humanitaria“. Indicou que en toda Galicia son arredor de 500 “os fillos e fillas do Sáhara” os que participan no programa e expresou o seu desexo de que as familias gocen coa estadía dos rapaces “porque para eles é unha experiencia inesquecible“.
Comentou que onte o campamento de Tinduf rexistrou 49º de temperatura, polo que salientou que o programa de acollemento temporal serve “para alonxar aos rapaces destas condicións“, así como para realizar chequeos médicos.