O Concello de Porriño abrirá en outubro a nova aula de estudio, na rúa Antonio Palacios. Os traballos de acondicionamento deste baixo, de 207,65 m2, próximo á casa consistorial, en pleno casco urbano, deron comezo esta mesma semana e prevense que estean finalizados no prazo dun mes, como confirmou o alcalde, Alejandro Lorenzo, nunha visita na que comprobou o estado da obra. Asi, o orzamento destinado a esta actuación é de 139.830 euros.
Obras
Na actualidade, o local está lóbrego, polo que a empresa concesionaria ten que realizar unha serie de obras de adaptación. As mesmas consistirán na formación das divisións do local interior para dispoñer dunha zona de local multiusos e dous aseos. Isto supón: pavimentos, albanelaría, carpintería, illamento, pintura. Ademais, deberán executar traballos na fachada; así como as instalacións de fontanería; saneamento; ventilación; climatización e electricidade.
Lorenzo explica que “unha vez aberta a aula, instalarase un sistema de acceso libre e gratuíto, controlado mediante tarxeta con porta automatizada. Estará aberta ao público todos os días da semana, en horario de mañá e tarde, e con reforzo en época de exames”.
Recuperación das instalacións da Escola de Música
A actuación beneficiará tamén á Escola Municipal de Música, que volverá ás que foron sempre as súas instalación no centro cívico, na Avenida Domingo Bueno.
Hiai tres anos que, “por decisión do anterior goberno”, todo o alumnado da escola reubicouse en aulas do multiusos de Torneiros, “o lugar menos apropiado para impartir ensinanzas con prácticas musicais, pois o edificio está destinado a accións formativas e de emprego, e o son dos diferentes instrumentos non é compatible coa actividade que alí se realiza, sendo unha molestia para o desenvolvemento dos cursos que se realizan”, explica Lorenzo.
Dada a situación, “consideramos unha prioridade sacar a Escola de Música do multiusos de Torneiros e que volvera a onde sempre estivo, no Centro Cívico, obtendo así o máximo partido a ambas instalacións”. Consecuentemente, a aula de estudio localizada no Centro Cívico debía trasladarse a outro lugar, de aí a idea de habilitar este novo espazo.