A Xunta, a través da Rede Galega de Vixilancia de Enfermidades Transmisibles por Vectores (ReGaViVec), da que tamén forman parte as Universidades de Vigo e Santiago de Compostela, confirmou a detección de mosquito tigre no concello de Redondela.
Grazas á difusión que o goberno galego es os concellos están a facer da colaboración cidadá para o control deste vector, foi a través da App Mosquito Alert como se notificou a presenta do insecto, para que entomólogos de ReGaViVec o identificasen como mosquito Aedes albopictus.
Como en Cangas, Moaña e Vigo
Polo tanto, o Concello de Redondela, ao igual que o de Cangas como estaba previsto, sumarase aos de Moaña e Vigo como integrante do comité técnico do mosquito tigre na reunión que se desenvolverá por vía telemática este xoves.
De maneira preventiva, para reforzar o coñecemento sobre o control do mosquito tigre por parte dos técnicos dos concellos implicados, a Escola Galega de Saúde Pública da Consellería de Sanidade organizou a pasada semana unha formación específica na Xefatura Territorial de Sanidade de Pontevedra, á que xa asistira o Concello de Redondela.
Eliminar puntos de auga estancada
Desde a Consellería de Sanidade agradécese a participación veciñal seguindo os consellos para evitar a proliferación deste insecto, que é vector de enfermidades como os virus do dengue, chikungunya ou Zika, aínda que os exemplares localizados non eran portadores. Por iso, lémbranse pautas sinxelas como eliminar puntos de auga estancada en bebedeiros, pratos baixo macetas, caldeiros á intemperie ou embarcacións co seu simple baleirado ou coa renovación da auga cada 4-5 días.
Publicación do Programa de Xestión Integrada do Vector Aedes albopictus
A Dirección Xeral de Saúde Pública fixo público na páxina web da Consellería de Sanidade o Programa de xestión integrada do vector Aedes albopictus co obxectivo xeral de evitar ou reducir a presenza e a expansión do mosquito tigre (Aedes albopictus) no territorio galego, potenciando e coordinando as actuacións de vixilancia e control realizadas polas distintas administracións e axentes implicados.
Trátase dunha actuación prevista no Plan Nacional de Prevención, Vigilancia y Control de las Enfermedades Transmitidas por Vectores, publicado polo Ministerio de Sanidade en abril deste ano 2023.
O programa establece unha serie de obxectivos específicos como é coñecer a presenza ou ausencia do mosquito tigre (Aedes albopictus) nunha área xeográfica, detectando precozmente a súa entrada, así como os factores facilitadores do establecemento do mosquito no seu territorio.
En función dos resultados obtidos no diagnóstico de situación (DS), establecerase o Programa de actuación municipal contra o mosquito tigre que deberán basearse no escenario de risco definido no diagnóstico e segundo o grao de implantación no municipio (ausente, presente ou limítrofe).
Por último, o programa tamén inclúe actuacións de formación e información para sensibilizar á cidadanía sobre a problemática dos mosquitos e, en especial, motivar á participación social para realizar actividades preventivas nos seus propios domicilios.