44 persoas de nove nacionalidades examínanse esta semana para obter o diploma de español (DELE) nivel A2 do Instituto Cervantes, logo de ter superado os cursos de español para inmigrantes promovidos pola Deputación de Pontevedra.
Colaboración coa Universidade de Vigo
Esta acción formativa gratuíta, que desenvolve a institución provincial en colaboración co Centro de Linguas da Universidade de Vigo, ten por obxectivo que inmigrantes de países non hispanofalantes poidan conseguir este título indispensable para poder optar despois á obtención da nacionalidade española.
Alumnas e alumnos de 8 nacionalidades e tres continentes
O alumnado que superou o curso e realizará o exame procede do Brasil (15 persoas); Marrocos (14 persoas); Senegal (6 persoas); Ucraína (4 persoas); Rusia (2 persoas); Ghana (1 persoa); Mozambique (1 persoa) e Nixeria (1 persoa). As probas do DELE A2, cuxa matrícula tamén costea a Deputación, constan de dúas fases ao longo desta semana.
As probas orais teñen lugar este martes, día 5, na Facultade de Forestais do campus de Pontevedra (11 persoas), e o mércores 6 (17 persoas) e mais o xoves 7 (16 persoas) na Facultade de Filoloxía e Tradución do campus de Vigo.
Posteriormente, todo o alumnado realizará a proba escrita o venres 8 na Facultade de Ciencias Económicas, en Vigo.
Na edición máis recente dos cursos celebráronse dúas quendas en Vigo e outra máis en Pontevedra. Con esta iniciativa, a Deputación de Pontevedra busca facilitar ás persoas de países non falantes de español a consecución deste título, para apoiar así a súa integración na provincia como cidadanía de pleno dereito.