Persoal da limpeza de Correos, en folga indefinida dende o pasado luns, mobilizouse hoxe nas catro provincias galegas para reclamar o pago dos salarios pendentes e a rescisión do contrato coa actual concesionaria, JCórdoba.
Compañía insolvente
Dende o comité responsabilizan a dirección da empresa pública de deixar a xestión do servizo en mans dunha compañía insolvente que incumpre a lexislación laboral.
Así, as protestas, nas que participaron un bo número de persoas, desenvolvéronse a partir das 11:00 horas diante das principais oficinas de Correos en Santiago, Lugo, Ourense e Vigo, onde despregaron faixas e berraron consignas coas súas reivindicacións.
Rescisión do contrato
O comité de folga ofreceu onte unha rolda de prensa en Santiago para explicar unha problemática laboral que afecta a aproximadamente 360 traballadoras dos servizos de limpeza das dependencias de Correos das catro provincias e que se repite en todos os lotes do servizo de limpeza que Correos ten adxudicados no Estado. Na comparecencia diante dos medios de comunicación a representación do cadro de persoal esixiu a rescisión do contrato coa empresa concesionaria ante os incumprimentos das relacións laborais a todos os niveis, a comezar polo pagamento dos salarios.
Meses de mobilizacións
O persoal desta concesionaria xa se vén mobilizando en toda Galicia desde hai meses para denunciar os continuos atrasos, que agora xa son impagos, e apunta como responsábel á dirección de Correos por presentar o concurso á baixa e aceptar a aínda máis baixa proposta desta empresa.
Segundo explicou o representante da CIG, Xavier Torea, os problemas comezaron xa no momento da propia licitación, á que só concorreu esta empresa debido á deficitaria oferta económica do contrato. Un concurso ao que nin sequera se presentou Sacyr, a empresa que xestionaba o servizo até ese momento.
Baixa temeraria
Xunto a isto denunciou que a gañadora do concurso, SCT (Jcórdoba) para conseguir a concesión, presentou unha oferta con “baixa temeraria”, isto é, por debaixo dos custos reais do mantemento do servizo e dos salarios e que “agora as consecuencias páganas as traballadoras”.
Non paga
O pasado 1 de xuño a empresa comunicou a súa intención de non abonar os salarios alegando que o contrato non cubre os custos e agora mesmo adebeda as nóminas de xullo e agosto.
Óscar Iglesias, presidente do comité, retrataba a situación de desesperación do persoal, que depende do seu salario para vivir e pagar facturas. “A xente esta moi mala, isto está provocando unha grande ansiedade das familias e xa hai traballadoras que tiveron que coller baixa por mor da tensión que están vivindo”.