O Bloque Nacionalista Galego rexistrou hoxe a solicitude dun Pleno extraordinario para esclarecer o que o seu voceiro cualificou de “escándalo” do concerto de Guns N’ Roses en Vigo. A solicitude do BNG conta co imprescindible apoio do PP -o Regulamento Orgánico do Concello require a sinatura de 7 concelleios e concelleiras- para convocar esta sesión. A mesma, como coinciden os dous grupos, servirá para esixir explicacións a Abel Caballero polas “evidentes sospeitas e indicios de graves irregularidades” que envolven a actuación do pasado 12 de xuño e o frustrado patrocinio publicitario por parte do Goberno municipal.
Este Pleno, dacordo coa norma vixente, terá que convocarse nos vindeiros 4 días e celebrarse nun prazo máximo de 15 días hábiles desde este xoves.
Reprobación do alcalde e unha comisión de investigación
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG, explicou en rolda de prensa que nese pleno solicitarán- xunto co grupo popular- a reprobación do alcalde pola “falla de transparencia e reiteradas falsidades”: pedirán a creación dunha Comisión Especial de Investigación e a comparecencia da concelleira de Contratación. Queren, sinalou, que Patricia Rodríguez enumere as xestións realizadas polo Goberno local, en particular, para a licitación do patrocinio.
Que o alcalde “deixe de esconderse”
Igrexas subliñou que “Abel Caballero ten que deixar de esconderse, ten que dar a cara e aclarar por que intentou financiar este concerto de maneira irregular con case 2 millóns de euros das viguesas e vigueses”, reclamou o voceiro nacionalista. Nesta liña, o representante do BNG demandou a presenza do alcalde nesta sesión diante das súas “habituais ausencias” e a súa “tendencia a fuxir”, como “demostra a negativa das últimas semanas a comparecer ante os medios de comunicación”.
“Mentiras”
Igrexas reprochou as “continuas mentiras” do Goberno municipal sobre este concerto, por boca do seu portavoz Carlos López Font “ao ditado” do propio Caballero. Asi mesmo, denunciou o comportamento “inaceptábel en termos democráticos” do alcalde cando foi interpelado pola prensa local.
Así, asegurou que todo eran “falsidades”, en resposta ás revelacións realizadas polo BNG, após acreditar a existencia dun acordo previo coa promotora en forma de carta de interese, en contra do criterio da Asesoría Xurídica do Concello, e o posterior “intento de dar aparencia de legalidade” a este compromiso mediante un concurso público para o patrocinio do concerto. Nesa liña, esixiu tamén que se aclare se o alcalde mantivo unha reunión privada con responsábeis da promotora de Guns N’ Roses, como se publicou nas últimas semanas.
“Flagrantes indicios de graves irregularidades”
Xabier P. Igrexas fixo unha cronoloxía deste “escándalo”, que se iniciou co anuncio público por parte do alcalde deste concerto, malia non estar organizado polo Concello e figurar o logotipo oficial da institución na publicidade do mesmo.
Posteriormente, o Goberno local iniciou unha licitación pública o 25 de abril para o patrocinio publicitario dun concerto internacional de case 2 millóns de euros cuns pregos “a medida” da banda estadounidense. Cuestión que, a xuízo das nacionalistas, supoñen “flagrantes indicios de graves irregularidades administrativas que, en algún extremo, podrían incurrir en ilícitos penales”.
Carta de interese
Un concurso público que se produciu seis meses despois de que o Goberno local remitise unha carta de interese a Sweet Nocturna, promotora do concerto, na que comprometía tando a cesión gratuíta do estadio de Balaídos como unha achega económica polo mesmo importe que o da licitación. Carta de interese que, segundo consta na documentación, se emitiu sen o “preceptivo” expediente municipal e contra do criterio da Asesoría Xurídica do Concello, que advertiu nas consultas informais realizadas que podía ser interpretada como un precontrato.
Licitación declarada deserta
A licitación pública foi finalmente declarada deserta, poñendo en risco o concerto a poucos días da súa celebración, o que derivou nunha denuncia pública da promotora polo incumprimento do acordo previo.
Foi entón, lembrou o portavoz do BNG, cando o Goberno municipal “tentou por todos os medios atrasar, cando non impedir” o acceso dos grupos políticos da oposición á documentación sobre o caso, o que motivou a apertura dun expediente por parte da Valedora do Pobo.
Por último, concluiu Igrexas, o alcalde negouse a respostar as preguntas tanto dos grupos da oposición como dos informadores. Este comportamento fixo que, “por primeira vez na historia do Concello” o Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza emitise un comunicando reprochando a Abel Caballero o seu comportamento.
Resposta do Goberno municipal
En resposta ás declaracións dos representantes do PP e do BNG, o portavoz do Goberno municipal ironizou amosando a súa sorpresa porque os grupos da oposición “tardasen tanto” en pedir este Pleno extraordinario.
Carlos López Font preguntouse se ao BNG non lle daba vergonza ir de “muleta do Partido Popular” e asegurou que lembraba os “tempos nos que o Bloque e o PP ían da man”.
López Font insistiu no argumento repetido dende o Goberno local: “o Concello non pagou un só céntimo” polo concerto de Guns N’Roses e volveu a cuestinarse “que intereses defenden PP e BNG?“.