Cuarto día do festival Primavera do Cine no que as proxeccións concéntranse no Auditorio do Concello. Será a última oportunidade para poder ver os dous bloques de curtametraxes galegas en sección oficial: As moradías do vento (19:00 h.) e Denuncia do equilibrio (20:30 h.).
Posteriormente, en horario de 22:00 h, proxéctase a longametraxe Liña de fuga, que será presentada pola súa directora, Marta Blanco. Un filme que comezou co encargo dunha peza audiovisual por parte dunha compañía de danza e rematou convertíndose nun proxecto de longametraxe no marco do Festival Linha de Fuga de Coimbra. A película participa na sección oficial de longametraxes sometida a un premio do público e outro do xurado.
Master Class
Paralelamente ás proxeccións celebrarase, no Instituto Camões en horario de 19:00 h, unha master class impartida pola investigadora e cineasta Adriana Páramo titulada ‘Análise sobre o informe CIMA GALICIA: A Representatividade e Representación das mulleres no Audiovisual Galego. Ficción 2020′.
A participación na master class é gratuíta ata completar aforo. As inscricións formalízanse enviando un correo a [email protected]