A Asociación Veciñal de Teis, demanda da Concellería de Vías e Obras a remodelación de toda a beirarrúa na rúa Ángela Iglesias Rebollar. Dende a asociación lembran que na actualidade estase coas obras da instalación da rampla mecánica no aceso ao centro de saúde. As mesmas inclúen a mellora desta beirarrúa pero, avanzados os traballos “comprobamos que non está previsto incluír a mellora da beirarrúa, no tramo a altura número 5 desta rúa, treito que está en moi mal estado”.
Do Concello á Xunta e da Xunta ao Concello
Por iso, o pasado 24 de xullo, os veciños dirixíronse ao Concello solicitando esta mellora… logo de varias consultas, resulta que este treito depende da Xunta, concretamente do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).
De aí que o pasado mes de agosto, a Asociación Veciñal se dirixise a este organismo e hai unha semana respostaron que “estes terreos están cedidos ao Concello de Vigo dende o 22 de setembro de 2022”. De seguido, nunha “xuntanza informal“, Javier Pardo, concelleiro de Vías e Obras, comentou aos representantes veciñais que “estes terreos non son ainda municipais e que habería que redactar un novo proxecto para realizar a mellora da beirarrúa”.
Á vista desta situación, a Asociación considera que “unha cuestión burocrática, non pode provocar que deixe esta rúa cun tramo de beirarrúa sen acondicionar”.