Quinta xornada do Festival Primavera do Cine en Vigo, onde os espectadores poderán presenciar os últimos filmes que compoñen a sección oficial sometida aos premios do público e do xurado.
Curtametraxes
No Auditorio Municipal do Concello, en horario de 18:00 h, proxéctase o bloque de curtametraxes titulado Céu em fogo e composto polos seguintes traballos:
- Coleçao antirracista: o mito da democracia racial. Película de nacionalidade brasileira, exemplo de documentalismo con ecos de reportaxe de investigación que aborda a problemática racial ao longo da historia de Brasil cun tono comprometido e que xoga visualmente co sarcasmo e a crítica social.
- Luana. Produción portuguesa filmada en Uruguai, nunha rexión afastada, aillada da civilización, sen luz eléctrica. A curta retrata a experiencia vital dunha nena que habita nese aillamento, en contacto con ese entorno adánico. Foi premiada no festival DocLisboa.
- Ultimate Bliss. película de nacionalidade portuguesa centrada nunha viaxe a Australia relatado pola súa protagonista como unha experiencia íntima. É unha curtametraxe que xoga con elementos narrativos propios do cine experimental.
Documental
No mesmo lugar ás 19:30h. poderemos ver o filme 10 de marzo, dirixido por Roi Cagiao. Exemplo de documental político, este filme compón un díptico coa exitosa Vigo 1972 abordando as folgas, represalias e procesos sindicais que durante os anos setenta contribuíron ao final do franquismo.
Estrea
Por último, ás 22:00 h, a sección oficial péchase cunha estrea: o filme De verdade queredes saber o que pensamos? dirixido por Cris Lores. Filme de xénero experimental que trata do abandono de espazos urbanos en ruínas, cunha visión crítica sobre as inercias dunha sociedade que non garantiza o dereito á vivenda.