Destacados Vigo al minuto

Últimos días para que as alumnas de ciencias opten aos Premios Girlgeekpower

Impulsados pola Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo

Últimos días para que as alumnas de ciencias opten aos Premios Girlgeekpower

O prazo de presentación de candidaturas aos premios “GirlGeekPower”, unha das iniciativas enmarcadas na Cátedra de Feminismos 4.0, que impulsan a Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo, afronta os seus últimos días de apertura.

Promover estudos de ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas

Estes galardóns repartirán 6.000 euros co obxectivo de estimular, apoiar e promover os estudos STEM (acrónimo que fai referencia ás ciencias, tecnoloxías, enxeñarías e matemáticas), tradicionalmente masculinizados, entre as alumnas da Universidade de Vigo dos campus da provincia de Pontevedra. As candidaturas están abertas ata o próximo mércores 20 de setembro.

Dúas modalidades

Os “GirlGeekPower” teñen dúas modalidades, unha para estudantes das ramas de Ciencias e Ciencias da Saúde e outra para as de Enxeñaría e Arquitectura, as dúas cun premio de 2.000 euros e un accésit de 1.000 euros. Nos dous casos, as candidatas deben estar matriculadas na Universidade de Vigo no curso 2023-24; en 60 créditos en titulacións de grao ou mestrado oficial nos campus de Pontevedra ou Vigo; ter superado un mínimo de 60
créditos e unha nota media igual ou superior a 7 nas titulacións da rama de Enxeñaría e Arquitectura, ou 8 nas titulacións de Ciencias e Ciencias da Saúde.

Coa solicitude, que se realiza cumprimentado un formulario en liña, deberá incluírse unha carta de motivación, detallando as razóns que as levaron a estudar no ámbito das STEM e unha reflexión persoal sobre a súa experiencia como mulleres nun eido tradicionalmente masculinizado. Ollo: no caso de que a solicitante realizase estudos nunha universidade distinta á de Vigo, é necesario presentar a certificación académica dos estudos cursados.

Cinco anos da Cátedra de Feminismos 4.0

A Cátedra de Feminismos 4.0 que impulsan a Deputación e a Universidade de Vigo cumpre cinco anos co obxectivo de incrementar a presenza de mulleres nas áreas STEM e evitar que se reproduza a desigualdade de xénero no ámbito dixital.

A través desta iniciativa, ambas entidades buscan acadar a promoción da igualdade e a accesibilidade universal das
mulleres no ámbito das actuais sociedades da información. A cátedra promove estudos feministas sobre a valoración da situación das mulleres e as STEM, a través da integración da análise de xénero no contido da investigación, do desenvolvemento e da innovación.

Te podría interesar