O Bloque Nacionalista Galego defenderá cinco medidas no Pleno do Concello de hoxe para poñer fin á situación “insostíbel e deficiente” do servizo de bus urbano de Vigo. O portavoz municipal do BNG asegura que é hora de actuar diante dos “reiterados e graves incumprimentos” por parte de Vitrasa, tanto das condicións do prego como das obrigas co seu persoal, que desembocaron nun conflito laboral iniciado en agosto de 2021 e que acumula numerosas xornadas de folga e paros.
Recorte de frecuencias
“Esta moción do BNG quere ser unha contribución en positivo para poñer fin a esta situación e para dotar a nosa cidade dun servizo de autobús á altura da maior cidade galega”, subliñou Xabier P. Igrexas. Así, reprochou a “complicidade descarada” do Goberno de Abel Caballero coa empresa concesionaria por consentir, entre outros, o recorte de 72 frecuencias desde a pandemia, a desaparición completa de liñas e a imposición de peores horarios.
Expediente de sanción
Por estes motivos, o Bloque pide na súa moción que o Concello abra un expediente de sanción contra Vitrasa por incumprir os pregos da concesión. Ademais, esixe que o Goberno municipal exerza as súas atribucións de control e inspección para asegurar que se cumpren de maneira estrita as condicións do servizo e da normativa laboral.
‘Pretextos’ para desentenderse del conflicto laboral
En relación co persoal, Igrexas afeou os pretextos utilizados por Abel Caballero para desentenderse da situación, cando asegura que se trata dun conflito no marco dunha empresa privada. O voceiro do Bloque lembrou ao rexedor que o bus urbano é un servizo público de titularidade municipal e de carácter esencial, polo que cada ano o Concello paga arredor de 13 millóns de euros en concepto de subvención e polo que ingresou á empresa 21 millóns como indemnización polas restricións derivadas da pandemia.
“O Goberno municipal ten que deixar de aliñarse coa dirección da concesionaria para se implicar nunha resolución xusta”, demandou o portavoz nacionalista. Así, o BNG defenderá no Pleno municipal a urxencia de que o Concello interveña dunha vez para desbloquear este conflito laboral que vai camiño de se volver crónico despois de dous anos de protestas, diante do bloqueo patronal da negociación colectiva dun convenio caducado en 2020 e de incumprimentos relacionados cos descansos e os salarios do persoal, entre outros.
Remunicipalizar o servizo
Para o Bloque Nacionalista Galego, a próxima finalización da prórroga de Caballero da concesión de Vitrasa, que prolongou o contrato de forma “inxustificada” até 2025 baixo as condicións dun prego elaborado en 1994, abre o escenario para que o servizo de bus urbano pase a ser de xestión pública directa. Por este motivo, o BNG aposta por iniciar un estudo para avaliar a remunicipalización do servizo a través dunha Empresa Pública de Transportes.