Deportes Vigo al minuto

Carlos Coello, tricampión mundial de Muay Thai, este sábado en Cerdedo-Cotobade

Impartirá un curso a 100 practicantes desta disciplina

Carlos Coello, tricampión mundial de Muay Thai, este sábado en Cerdedo-Cotobade

O pavillón de Tenorio, no concello de Cerdedo-Cotobade, acolle este sábado un curso de Muay Thai a cargo do tricampión do mundo desta arte marcial Carlos Coello. Este gaditano nacido no 1990 leva vivindo en Tailandia desde que cumpriu os 18 anos. Adestrando no berce desta arte marcial chegou a converterse no primeiro deportista non tailandés en escalar ata as dez primeiras posicións do ránking mundial.

No pavillón de Tenorio, Coello ofrecerá unha clase mestra a máis de 100 amantes dunha disciplina que non deixa de gañar adeptos na provincia. “Agardamos a afluencia de máis de cen persoas de todas as idades”, explican desde a Federación Galega de Kick Boxing, na que está integrada esta arte marcial.

A actividade consiste nun curso para practicantes desta disciplina que se desenvolverá en horario de mañá e tarde.
“Estamos encantados de apoiar estes deportes, que aínda que son minoritarios están a ter moito crecemento no noso territorio”, explicou o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela.

También te puede interesar