Vigo al minuto

Un proxecto de médicos do Cunqueiro obtén 450.000€ para investigación

Trátase da ‘reconstrución tridimensional’ do fígado antes da súa operación

Un proxecto de médicos do Cunqueiro obtén 450.000€ para investigación

Un proxecto de investigación do Álvaro Cunqueiro ven de recibir unha beca de financiamento de 450.000 euros do Ministerio de Ciencia e Innovación,  no marco do programa  “Generación de Conocimiento”.

O proxecto está liderado polo coordinador da Unidade Hepato-Bilio-Pancreática(HBP), o cirurxián Sergio Estévez, do Grupo de Innovación en Cirurxía do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, e en colaboración con Enrique Comesaña, profesor do Departamento de Electrónica e Computación da Escola Politécnica Superior de Enxeñería da Universidade de Santiago de Compostela.

Reconstrución tridimensional do fígado

Trátase dun proxecto de Intelixencia artificial para conseguir a reconstrución tridimensional do fígado dos pacientes. Segundo  explica  o doutor Estévez “estamos moi satisfeitos de que se elixira financiar a nosa proposta, xa que era unha convocatoria nacional con concorrencia de proxectos moi interesantes, e trátase dun importe económico importante. A verdade é que levamos traballando moito tempo neste proxecto e agora estamos máis cerca de que pronto sexa unha realidade”.

Cálculos volumétricos

Antes de operar unha lesión do fígado os cirurxiáns realizan determinados cálculos volumétricos xa que, ao extirpar a lesión, é necesario preservar ao menos un 25-30% do órgano san para que o fígado se rexenere e faga a súa función vital.

Hoxe en día nestas intervencións empregan técnicas minimamente invasivas, como a laparoscopia ou a cirurxía robótica, que posibilitan uns mellores resultados cirúrxicos e unha máis rápida recuperación do paciente. “Sen embargo, con estas técnicas que evitan ter que abrir o abdome, queda máis limitado o noso campo de operación. Polo tanto, nos resulta de gran axuda na intervención e na súa planificación, ver o fígado do paciente a través dunha imaxe reconstruída do mesmo”, explica o doutor Estévez.

Ás veces, en cirurxías moi complicadas os especialistas en radioloxía do Álvaro Cunqueiro xa realizan esta reconstrución, pero non é algo automático. “O que queremos con este proxecto é que a reconstrución sexa de xeito automático e coa maior precisión posible para cada paciente.

Imaxes de 500 pacientes

O proxecto, chamado Removirt H3D, consiste na creación dunha rede neuronal a través de Intelixencia Artificial que xenere reconstrucións tridimensionais automáticas do fígado, mediante imaxes proporcionadas polo TC e Resonancia.

Esta rede neuronal xa está funcionando, aínda que agora teñen que perfeccionala. Grazas a este financiamento xa puideron contratar a 4 especialistas de diversas disciplinas como a  enxeñaría, informática, e imaxe diagnostica para dedicarse a isto. Nunha primeira fase  teñen que ir alimentando esa rede neuronal,  etiquetar e incluír toda esa información proporcionada polas imaxes de TC e Resonancia de 500 pacientes.

A reconstrución en 3D do fígado nos permitirá detectar as lesións deste órgano e  planificar mellor a intervención cirúrxica, facéndoas máis seguras e precisas. Os resultados cirúrxicos mellorarán tanto na diminución dos tempos da cirurxía como certas complicacións, minimizando o sangrado durante a cirurxía e a porcentaxe de fallo hepático, entre outras” , asegura o doutor Estévez.

Te podría interesar