O Bloque Nacionalista Galego pide o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a vicepresidenta da Deputación provincial, Marta Fernández-Tapias, que “deixen de actuar como Pimpinela” e desbloqueen a reforma da bancada de Gol. Así o demandou este martes o portavoz municipal do BNG que reprochou que tanto o PSOE como o PP utilicen tamén o estadio municipal de Balaídos como “refén da súa permanente disputa partidista” en lugar de cooperar en favor da cidade. “Os Gobernos provincial e o municipal teñen que abandonar a sobreactuación, a permanente guerra por todo, para poñerse a colaborar”, reclamou Xabier P. Igrexas.
Comisión
O concelleiro do Bloque reiterou a proposta de constituír unha comisión para a reforma do estadio municipal que permita desbloquear esta situación “inxustificábel e delirante” arredor do financiamento da obra. Igrexas considerou necesario que participen nesta comisión o Concello de Vigo e a Deputación provincial, mais tamén a propia Xunta “que non pode seguir escaqueándose da reforma do estadio municipal da maior cidade galega”.
“Unha comisión que sirva de espazo de cooperación entre as diferentes Administracións pero tamén para a participación social“, defendeu o portavoz do BNG de Vigo. Chamou nese sentido a contar co Real Club Celta como principal usuario do estadio, e dar tamén voz á afección a través da Federación de Peñas do club, ao movemento veciñal da contorna e ás persoas usuarias das pistas de atletismo de Balaídos “toda vez o propio Goberno municipal condicionou a reforma das instalacións á da bancada de Gol”.
De ‘Guggenheim do fútbol’ a versión deportiva da ‘Sagrada Familia’
“Trátase dunha proposta que ten por obxectivo reorientar a chapuceira xestión que converteu o que algún prometeu como o Guggenheim do fútbol –en relación a declaracións do alcalde- nunha especie de versión deportiva da Sagrada Familia”, subliñou Igrexas. Lembrou así que a reforma de Balaídos debía ter rematado en 2017, “como comprometeu o propio Abel Caballero”, pero seis anos despois “non hai constancia nin tan sequera do proxecto para a bancada de Gol”.
O Bloque non permitirá que a Deputación deixe a Vigo sen os recursos que lle corrsponden
Sobre o papel da Deputación, o voceiro nacionalista advertiu a Marta Fernández-Tapias que o BNG “non lle vai permitir nin tolerar que lle negue á cidade os recursos que lle corresponden” por parte do ente provincial. “A posición do Bloque en relación a Balaídos foi a mesma dende un inicio: a cidade precisa e merece dun estadio municipal seguro, funcional e moderno“, remachou Igrexas.