A Xerencia de Urbanismo aprobou as bases e a convocatoria de subvencións para a rehabilitación de actuacións a nivel de barrio, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea. Estas axudas servirán para financiar obras ou actuacións que sirvan para mellorar a eficiencia enerxética, recortando un 30% o consumo, cando menos, en inmobles de usados para vivenda.
“Apoiaremos aos particulares que o precisen para a rehabilitación das súas vivendas e estaremos apoiando a estas zonas históricas da cidade”, asegurou hoxe o alcalde, sinalando que a Oficina de Rehabilitación do Concello será a encargada de xestionar as axudas.
Doce contornas e 970 actuacións
En total, serán 6.394.000€ dos fondos europeos Next Generation EU que estarán destinados a Contornas Residenciais de Rehabilitación Programada: Casco Vello (91 actuacións); Bouzas (84); Coia (336 actuacións); Casas de Santa Clara (36); Beiramar (40); Espiñeiro-Teis (72); San Pablo (48); San Roque (78); Fenosa (101); A Salgueira (38); Gorxal (24) e Alcalde Lavadores-Canicouva-Escolas Públicas (22 actuacións). Desa cantidade, 5,4 millóns de euros son para axudas a particulares e 252.000 euros para obras de rexeneración urbana.