O Concello de Covelo informa que xa está aberto o prazo para solicitar as axudas para libros de texto e material escolar de educación infantil.
Co obxectivo de axudar ás familias a sufragar os gastos derivados do comezo do curso escolar, aquelas que estean empadroadas poderán recibir un máximo de 100€ por alumna/o, agás as familias numerosas ou con fillos cunha minusvalía igual ou superior ao 33% que poderán chegar aos 125€.
“Acompañar ás nosas familias no día a día”
“Axudar á conciliación familiar e laboral con servizos como os campamentos de verán ou a aula matinal en colaboración coa asociación de nais e pais, a oferta de actividades deportivas e de tempo de lecer no propio concello ou a axuda económica para contribuír nos gastos de material e libros son fundamentais para acompañar o día a día das nosas familias”, explica o alcalde, Pablo Castillo.
Como solicitar as axudas?
As persoas interesadas deberán pedir cita previa nos servizos sociais municipais para a presentación da documentación. O teléfono é o 986 65 00 27, extensión 3. O prazo rematará o vindeiro 9 de outubro. As bases poderán ser consultadas na páxina web do Concello ou clikando nesta ligazón.