Avanzan as obras de execución do aparcadoiro disuasorio na estrada autonómica PO-551, en Domaio, no concello
de Moaña, que contan cun investimento total que supera os 877.000 euros.
Nestes días, os traballos están a centrarse nos movementos de terras. Como informamos, as obras iniciáronse en agosto, cos traballos preliminares de implantación e preparación do terreo. A partir de aí foi necesario dedicar unhas semanas á redacción dun proxecto de prospección arqueolóxica que xa foi executado. Agora, xa cos resultados, e coa correspondente autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, continúanse os traballos, xa con maquinaria.
Novo aparcadoiro preto do enlace de Rande
O obxectivo é acometer un novo aparcadoiro nas proximidades do enlace de Rande, como prolongación do xa existente na marxe dereita da estrada autonómica, no quilómetro 33+250. Asi, estas instalacións disporán de 75 prazas, 2 delas para vehículos conducidos por persoas con mobilidade reducida, e preinstalación de 3 puntos de recarga para vehículos eléctricos. Ademais, haberá carrís de circulación interior dun só sentido e unha banda perimetral de itinerario peonil.