A portavoz nacional do BNG e líder da oposición no Parlamento de Galicia, Ana Pontón, visitou esta mañá Conxemar, que celebra a súa 24º edición. Trátase dunha feira cunha lonxevidade acorde coa fortaleza do sector galego do conxelado de produtos do mar , con empresas referentes tanto dentro como fora das nosas fronteiras.
Que Vigo perdese Conxemaer sería “irreparable”
Así, salientou Pontón, “Conxemar é un referente internacional que coloca a Galiza e a Vigo no mapa, por iso é tan importante que siga a celebrarse nesta cidade”. Neste sentido, advertiu que “perder Vigo como sede dun escaparate tan importante para o sector económico e industrial como é o do conxelado sería irreparable”. Pontón subliñou tamén a necesidade de que “todas as administracións e o conxunto da sociedade galega nos mobilicemos para garantir que Conxemar siga tendo a súa sede en Vigo, algo fundamental para o económico que xera na cidade”.
Baixa do IVE do peixe ao 4%
Poñendo o foco sobre os produtos do mar como parte esencial dunha alimentación saudable, a portavoz nacional urxiu a necesidade de facer efectiva a baixada do IVE do peixe ata o 4%, como xa teñen outros alimentos. “Esta é unha reivindicación do sector que o BNG ven acompañando ao longo dos últimos anos”, declarou, lembrando que “xa conseguimos que o Parlamento galego aprobase esta medida co apoio unánime da Cámara para reclamarlle ao Goberno do Estado que aplique o IVE do 4% ao peixe”.
“Aplicar un IVE do 4% é, no momento actual de crise de prezos, máis necesario que nunca” subliñou. A caída dos ingresos en moitas familias, fai que estas reduzan ou mesmo se vexan obrigadas a eliminar da súa cesta da compra un alimento esencial nunha alimentación saudable pero que non poden pagar.
Ampliación de IFEVI
Nun contexto no que os responsables de Conxemar advirten que é fundamental unha ampliación de IFEVI para a súa supervivencia da feira e o seu mantemento futuro en Vigo, Pontón trasladou todo o apoio do BNG a ampliar as instalacións “dun recinto que é unha referencia no sur do País”.
O retorno económico deste certame en Galiza e sobre todo en Vigo está estimado polos organizadores nuns 26 millóns de euros, ademais de ser un escaparate para as empresas do sector, un espazo para pechar negocios e ventas.
“Ás veces temos unha certa sensación de que estamos sempre reclamando a ampliación do IFEVI pero que o teñamos que reclamar é unha evidencia de como non se está a pensar a medio prazo”, indicou a líder do BNG.
Pontón anunciou que o Bloque levará esa demanda ao Parlamento galego para que “haxa un acordo de País” porque “non se pode permitir que unha feira como Conxemar se poña en risco porque non ten unhas instalacións suficientes”.
Un sector estratéxico
A raíz desta cuestión, Ana Pontón quixo facer un recoñecemento a todo o que significa o sector do conxelado en Galiza. “No caso de Conxemar estamos a falar de máis de 100 empresas galegas, dun sector que xera máis de 7.000 empregos directos e máis de 17.000 no caso de directos e indirectos”, apuntou, destacando que “é unha mostra da capacidade do noso País para situarse como referente internacional”. “Apoiar este sector é apoiar Galiza e iso é o que facemos e seguiremos facendo dende o BNG”, concluíu.