A Subdelegación do Goberno en Pontevedra anuncia que vén de poñer en marcha a segunda fase do Programa 2023 de axuda alimentaria ás persoas máis desfavorecidas. Esta iniciativa do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a través do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), fará chegar 651.090 quilos de alimentos ás persoas en situación de maior vulnerabilidade da provincia.
Segunda remesa
Trátase da segunda das dúas remesas que repartirá o programa nesta anualidade a través dos centros de almacenamento e distribución do Banco de Alimentos e da Cruz Vermella. Estas dúas entidades contan coa colaboración de diferentes organizacións asociadas de reparto na provincia, que son as encargadas de facer chegar directamente as cestas de alimentos esenciais ás persoas beneficiarias.
Así, dende a Subdelegación do Goberno subliñan o “papel clave” destas organizacións, “fundamentais para este programa“, así como “a axuda inestimable das organizacións de reparto que colaboran co Goberno na provincia, xa que o esforzo de todas estas organizacións e dos seus voluntarios e voluntarias permiten achegar a axuda a quen máis a precisa”.
Produtos básicos
Os produtos que se distribúen son de carácter básico, variados, nutritivos, pouco perecedoiros e de fácil transporte e almacenamento. A cesta de alimentos enviada polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación inclúe: arroz; fabas cocidas; atún en conserva; pasta alimenticia; tomate frito; galletas; macedonia de verduras; cacao soluble e tarriños infantís de froita e de polo.