A programación musical do Auditorio Mar de Vigo continúa este mércores coa aclamada actuación de Calexico, quen celebrarán o 20 aniversario do seu disco “Feast of Wire” en Vigo.
Asi, a banda de Arizona aterra na cidade para ofrecer unha das actuacións máis esperadas. Desde 1996, Calexico teceu unha carreira eloxiada tanto pola crítica como polo público, fusionando de maneira maxistral o indie-rock, o country e o folk americano con toques de cumbia, mariachi e jazz. O seu nome, que evoca a fronteira, revela a diversidade do seu estilo.
14 anos despois
Hai xa 14 anos desde a súa última visita a Vigo, e este ano regresan cunha xira especial para celebrar as dúas décadas do seu cuarto álbum de estudo, “Feast Of Wire“. Pitchfork describiuno como “o disco que sabiamos que tiñan pero temiamos que nunca fixesen”. Este traballo catapultounos á cima, e sairán ao escenario do Mar de Vigo este mércores 11 de outubro ás 21.00 horas, nunha data na que tamén os acompañará Jairo Zavala, máis coñecido coma Depedro.
‘El Mirador’
Calexico emprenden este ano unha xira onde tamén presentarán o seu último traballo, “El Mirador”, e reflexionan sobre o significado dun disco, “Feast of Wire”, que aborda o tema da inmigración ilegal desde a perspectiva dos inmigrantes.
Esta é a única data en Galicia para gozar do directo de Calexico e as entradas están á venda través da web do Auditorio Mar de Vigo ou en www.teuticket.com.