Amnistía Internacional (AI) reclamou hoxe en senllas cartas ao alcalde e á delegada da Xunta en Vigo un plan plurianual que garanta o incremento progresivo do parque mínimo de vivenda destinado a políticas sociais. O mesmo debería incluir o alugueiro social e un calendario para acadar o estándar europeo do 15% de vivenda social do parque municipal de vivendas na cidade.
“O tráxico incendio ocorrido na rúa Alfonso X, no que faleceron catro persoas, tres delas menores, e outras nove foron hospitalizadas, pon de manifesto a necesidade urxente deste plan”, destacou Isabel Flores, coordinadora de Amnistía Internacional en Vigo nas cartas ao Concello e á Xunta.
Un dereito, non un luxo
“A vivenda é un dereito humano e debe ser alcanzable, non é un ben de investimento ou un produto de luxo“, declarou o voceira local de Amnistía Internacional. Nesta liña, insiste en que “a vivenda social é clave para garantir o acceso á vivenda cando as condicións do mercado inmobiliario son un obstáculo insalvable para moitas persoas en situación de vulnerabilidade“.
Así, Flores subliña que “España conta cun parque de vivendas sociais que representa o 2,5% do total de vivendas. Atópase a máis de 6,5 puntos porcentuais por baixo da media dos países da Unión Europea, que se sitúa no 9%. Dese parque, só un 1,6% das vivendas existentes están dedicadas a políticas sociais, mentres que a media dos países da nosa contorna da Unión Europea supera o 15%“. España só supera a Eslovaquia, Bulgaria, Portugal, Estonia, Croacia, Romanía, Grecia ou Chipre e está moi lonxe dos países con maior taxa de vivenda social como Países Baixos (30%), Austria (24%) Dinamarca (21%) Suecia (19%) e Francia (16%).
O prezo medio do alugueiro en Vigo é de 590€ ao mes
Segundo os últimos datos do Observatorio da Vivenda de Galicia, dependente da Xunta de Galicia, o prezo medio actual do alugueiro en Vigo é de 590€, cifra que pode duplicarse en zonas como o centro ou Canido, fronte os 516€ en 2022 e os 479€ en 2018. Outras fontes de asociacións privadas situaban o prezo do alugueiro en Vigo en febreiro de 2023 en 866€
En 2022, o número de contratos de alugueiro de vivenda en Vigo baixou un 16%, mentres que os prezos se elevaron un 4,2%. “Desde 2014 o alugueiro encareceuse un 34% en Vigo, cando o importe medio se situaba en 400€ segundo datos oficiais“, declarou a voceira de AI.
1.353 vivendas de uso turístico na cidade
Dacordo cos datos de outubro da Axencia Galega de Turismo, en Vigo hai 1.353 vivendas de uso turístico (VUT) dadas de alta no rexistro da Xunta. Só en 2022 houbo 266 desafiuzamentos na provincia de Pontevedra, cunha media de 5 á semana.
Medidas
Á vista destes feitos, para garantir o dereito á vivenda, Amnistía Internacional propón a Concello e Xunta unha batería de medidas que inclúe:
- Establecer un rexistro adecuado das vivendas dispoñibles, evitando o crecemento do número de vivendas baleiras, e sistemas que permitan que as persoas que as necesitan poidan acceder a elas.
- Aplicar o control de prezos nas zonas definidas como “tensionadas” previsto na Lei estatal de Vivenda para frear a especulación e abusos no prezo, protexendo ás persoas ante o incremento descontrolado dos prezos do alugueiro.
- Garantir que ningún desafiuzamento deixa ás persoas na rúa, potenciando o Programa contra Desafiuzamentos do Concello de Vigo cun protocolo específico de actuación nestes casos:, ben sexa por impagamento hipotecario ou por alugueiros, que permita asegurar que toda persoa desafiuzada dispón dunha alternativa habitacional adecuada.
- Incorporar a perspectiva de xénero nas políticas municipais de vivenda, dado que as mulleres teñen unha maior taxa de risco de pobreza, maior precariedade laboral e peores indicadores socioeconómicos.
- Garantir a non discriminación, incluíndo medidas para evitar calquera tipo de discriminación no acceso á vivenda garantindo o seu acceso a todas as persoas residentes en España.
Plan Municipal de Dereito Humanos
Así mesmo, co gallo da elaboración dos orzamentos municipais, Amnistía Internacional instou aos grupos municipais a que nesta lexislatura o Concello elabore un Plan municipal de dereitos humanos. O mesmo dependería da Alcaldía ou dalgunha das Tenencias de Alcaldía e terá que contar coa dotación orzamentaria e de recursos suficientes que aborde polo menos os seguintes temas, ademais do plan de vivenda:
- Un plan de acción municipal contra a crise climática.
- A avaliación dos protocolos de resposta dos organismos municipais fronte á violencia contra as mulleres, para garantir a dilixencia debida.
- Un protocolo de actuación para a policía local que complete e detalle os principios xerais establecidos na lexislación policial vixente para a prevención da tortura, os malos tratos, o uso excesivo da forza e o racismo.
- Compromiso do Concello co Goberno español para proporcionar prazas de acollida para o reasentamento de persoas refuxiadas, incluídos programas de transición locais que garantas as necesidades básicas.
- O compromiso de que o enfoque de dereitos humanos sexa o principio reitor de toda a acción exterior municipal.