Comarcas Vigo al minuto

Máis de 200 persoas gozarán dende este domingo do programa ‘Depotermal’

Con estadías en cinco complexos hoteleiros da provincia

Máis de 200 persoas gozarán dende este domingo do programa 'Depotermal'

Un total de 235 persoas maiores de 50 anos gozarán entre este domingo día 22 e o 27 de outubro do programa “Depotermal” da Deputación de Pontevedra, con estadías en cinco complexos hoteleiros termais da provincia.

Durante a súa estancia poderán facer uso das instalacións de termalismo dos establecementos, así como participar noutras actividades artísticas, deportivas, formativas, sociais ou turísticas.

Domingo

Deste xeito, o domingo comezan as estadías con pernoita tres grupos. Por unha banda, 47 veciños dos concellos de Pontevedra, Redondela, Tomiño, Tui e Vigo desfrutarán dunha estancia de seis días e cinco noites no Hotel Carlos I de Silgar, en Sanxenxo. Por outra, 71 persoas da Estrada, Arbo, Baiona, Bueu, Cangas, Marín, Mos, Nigrán, Pontevedra, O
Porriño, Redondela e Vigo dirixiranse ao mesmo municipio, neste caso ao Hotel SPA Galatea. E, por último, este domingo tamén iniciará a súa estancia, neste caso no Gran Talaso Hotel Sanxenxo, 33 veciños de Baiona, Marín, Mos, As Neves, Nigrán, Poio, Ponteareas, Pontevedra, Portas, Vigo, Vila de Cruces e Vilanova de Arousa.

Saídas diurnas

No relativo ás saídas diúrnas haberá 40 persoas dos concellos da Estrada e Lalín que se despracen ao Hotel Termas de Cuntis todos os días desde o luns 23 de outubro ata o venres 27; mentres que 44 persoas de Covelo, Mondariz, Ponteareas, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño e Tui farán o propio no Balneario de Mondariz.

Maiores de 50 anos

O programa de termalismo e saúde da Deputación de Pontevedra está dirixido ás persoas maiores de 50 anos, xubiladas, pensionistas, persoas cun recoñecemento do grao de diversidade igual ou superior ao 65% ou que teñan acreditado un respiro familiar. O mesmo ten como finalidade facilitarlles aos veciños da provincia o acceso a actividades de ocio saudable e envellecemento activo en establecementos hostaleiros. Ademais, ao mesmo tempo,
pretende ser un programa dinamizador da economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade ao desestacionalizar a demanda.

Preto de 2.500 persoas

“Depotermal” conta con dúas modalidades: unha diúrna, mediante a que as persoas beneficiarias asisten aos establecementos termais durante cinco días consecutivos, e outra con pernoita, a través da que se ofrece unha estancia de seis días e cinco noites. En total, son 2.447 as persoas beneficiarias, das que 664 aproveitarán a asistencia diúrna e 1.783 persoas a asistencia con aloxamento.

También te puede interesar