A Xunta adxudicou por un importe de 13,16 millóns de euros as obras de urbanización correspondentes á 1ª fase da ampliación de San Paio de Navia. Alí se prevé construír ao redor de 1.600 vivendas con algún réxime de protección.
Asi, o contrato entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e a adxudicataria —unha unión temporal de empresas— formalizouse esta mesma semana polo que os traballos sobre o terreo poderán comezar en novembro. O obxectivo é acondicionar o chamado polígono 1, que abrangue case 100.000 metros cadrados, máis dun terzo da superficie total do ámbito.
Pavimentación, semaforización, accesibilidade, áreas de xogo, saneamento e telecomunicacións
En concreto, segundo consta no proxecto, a adxudicataria acometerá obras de pavimentación, sinalización de vías e semaforización, accesibilidade, xardinería —con 9.600 m 2 de zonas verdes e 222 árbores—, equipamento urbano —incluídas dúas áreas de xogo e unha de exercicio adaptadas para persoas con diversidade funcional e integradas paisaxisticamente coa contorna—, e a construción das redes de abastecemento, saneamento, enerxía eléctrica, iluminación, gas e telecomunicacións.
Tamén está prevista a construción de 1,18 quilómetros do carril bici proxectado, o que supón máis da metade da lonxitude total prevista para esta infraestrutura —2,2 quilómetros—.
Así mesmo, nos últimos dous meses tamén adxudicáronse os contratos correspondentes aos servizos de dirección das obras —por importe de 246.356 euros—; control de calidade —167.708,98 euros— e a coordinación de seguridade e saúde —32.234,4 euros—. Desta forma xa están asinados todos os contratos necesarios para impulsar a urbanización desta primeira fase.
A maior bolsa residencial de Galicia
En concreto, no polígono 1 de San Paio de Navia están proxectadas 733 vivendas protexidas. Deses inmobles, 207 serán vivendas de promoción pública (VPP) a cargo do IGVS; 331 se construirán a iniciativa de cooperativas e promotores; e 195 corresponden ás permutas de solo.
Xa este verán, como informou vigoalminuto, o IGVS licitou a construción das primeiras 38 vivendas de promoción pública localizadas no polígono 1 de Navia, por 7,2 millóns de euros. Deste xeito, será posible que as obras de edificación se poidan acompasar aos traballos para urbanizar o ámbito.
En total, os tres polígonos que compoñen a ampliación de Navia abranguen un total de 265.000 metros cadrados. Nos mesmos, está previsto un investimento público-privado de 256 millóns de euros para construir 1.600 novas vivendas protexidas.