Galicia Vigo al minuto

O Cunqueiro centro da información sobre o tratamento do Mieloma Múltiple

Organiza este mércores unha xornada sobre este tipo de cáncer, aberta á cidadanía

O Cunqueiro centro da información sobre o tratamento do Mieloma Múltiple

Baixo o lema “Xuntos transformaremos o cáncer en esperanza”, o servizo de Hematoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro organiza este mércores, día 15, un encontro con pacientes diagnosticados de Mieloma Múltiple. Trátase dunha xornada aberta á cidadanía, que terá lugar na entrada principal do hospital ás 17.00 horas.

Mieloma Múltiple

O mieloma múltiple (MM) é un dos cánceres de sangue máis complexos e un dos máis difíciles de diagnosticar, representando solo un 10% dos cánceres existentes. Afecta principalmente a xente de idade avanzada, de feito, a idade media de aparición da enfermidade é arredor dos 69 anos. Solo o 5-10% dos pacientes teñen menos de 40 anos. 

Na actualidade, o servizo de Hematoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) ten en seguimento a un centenar de pacientes con esta enfermidade. Segundo explica a xefa do servizo e moderadora desta xornada, a doutora Carmen Albo, “un dos grandes desafíos desta enfermidade é o diagnóstico xa que, nalgúns casos, este pode tardar ata seis meses desde a aparición dos síntomas iniciais. Sen embargo, os tratamentos para o MM experimentaron avances moi significativos nos últimos anos, como os inmunomoduladores, anticorpos monoclonais, CART, o que ten permitido mellorar de xeito significativo a supervivencia destes pacientes”.

Equipo multidisciplinar

Nesta xornada estarán presentes diferentes representantes do equipo multidisciplinar que forma parte do tratamento e coidado destes doentes no Álvaro Cunqueiro, como hematólogas, fisioterapeutas, farmacéuticas  e persoal de enfermaría.

Neste senso, as hematólogas informarán sobre os tratamentos, e os fisioterapeutas da importancia do exercicio físico xa que “o exercicio físico adaptado ás necesidades e limitacións destes pacientes implica beneficios en saúde ósea, redución da fatiga, aumento da forza muscular e mellora do equilibrio e a mobilidade. Ademais, pode axudar a reducir o risco de complicacións e mellorar a tolerancia ao tratamento ou a incidencia de certos efectos secundarios”.

Atención Domiciliaria

Por outra banda, tamén participará unha das enfermeiras encargadas do programa da Atención Domiciliaria, que explicará os coidados integrais e individualizados que reciben os pacientes nos seus domicilios. O Álvaro Cunqueiro creou unha Unidade de Atención Domiciliaria a pacientes hematolóxicos dirixido a aqueles doentes con tratamentos crónicos orais ou de administración subcutánea que necesiten asistencias moi frecuentes a consulta e Hospital de Día. A finalidade deste novo servizo é mellorar a súa adherencia ao tratamento e a súa calidade de vida. O 80% dos doentes incluídos neste programa padecen Mieloma Múltiple.

Medicación

Asímesmo, unha das farmacéuticas responsable da farmacia hematolóxica informará  dos circuítos da preparación das medicacións e á súa administración ou entrega ao paciente, e poderá resolver as dúbidas do auditorio sobre os efectos adversos destes tratamentos, que poden presentar interaccións con outras medicacións.

Por último, tamén participará a presidenta da Comunidad Española de pacientes de MM (CEMMp),Teresa Regueiro, que aportará coñecemento e experiencia en relación á convivencia con esta enfermidade.

También te puede interesar