No debate sobre o Día Internacional contra as violencias machistas, que tivo lugar hoxe na Eurocámara, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, destacou que o asasinato de mulleres (2 en Galicia das 51 no Estado español no que vai de ano), “é só a punta do iceberg do machismo que impregna toda a sociedade, xa que detrás dos números hai vidas estragadas polo terrorismo machista”.
3.400 denuncias por violencia machista en Galicia
Miranda salientou que neste 25 de novembro é preciso denunciar que os feminicidios son a “punta do iceberg dunha violencia brutal e transversal que atravesa todas as esferas da sociedade, unhas máis visíbeis e outras invisíbeis, sutís, ocultadas”, que se traducen en que só en Galicia, no primeiro semestre 2023, houbo máis de 3.400 denuncias por violencia machista.
Negación por parte da dereita e a dereita extrema
Pese aos datos de mulleres asasinadas, de denuncias formuladas e de sentenzas condenatorias, “atopamos a negación ou a banalización por parte de determinados partidos políticos extrema dereita”, alertou a eurodeputada nacionalista, quen ao respecto critica a alianza da dereita e a dereita extrema para eliminar orzamentos destinados ás mulleres vítimas de violencia de xénero, alí onde gobernan.
Nesta liña, para a eurodeputada do BNG “non é de recibo” a posición do Consello nas negociacións da futura directiva europea de violencia contra as mulleres, que se opón a que a violación sexa considerada delito. “Consideramos que se trata dun aspecto fundamental”, sinala Miranda, quen no pleno do Parlamento Europeo defendeu que “temos que seguir poñendo as gafas violeta para detectar todas as condutas machistas e loitar contra elas”, xa que “só así conseguiremos unha sociedade máis igualitaria para todas”.
Convenio de Istambul
Por outro lado, a eurodeputada do Bloque salienta a entrada en vigor na Unión Europea do Convenio de Istambul o pasado 1 de outubro, despois da súa ratificación o pasado mes de xuño. Este convenio é un instrumento xurídico internacional que establece normas para prever, perseguir e erradicar todas as formas de violencia contra as mulleres e nenas. “Temos que ser ambiciosas para abordar de forma integral a violencia contra as mulleres porque 1 de cada 3 mulleres no mundo sufre violencia física ou sexual”, destaca Ana Miranda.