A delegada da Xunta en Vigo informou hoxe de que o Goberno galego vén de contratar o proxecto de construción do novo instituto de Navia, por un importe de 328.118,12€. Ana Ortiz sinalou que a Xunta segue “á espera de que o Concello formalice o convenio para a cesión dos terreos, condición necesaria para a súa execución”.
Nunha carta, Ortiz informou ao alcalde dos avances para a construción do instituto e remitiulle, de novo, o borrador do convenio. A delegada lémbralle ao rexedor que debe axilizar a formalización do convenio para a posta a disposición dos terreos e, deste xeito, poder continuar co proxecto e a adxudicación das obras.
“A proposta do convenio xa recolle o compromiso indubidable da Xunta de avanzar na construción da infraestruturas e o cadro de investimentos que levará a cabo nas diferentes partidas orzamentarias, ata un total de 14 millóns de euros”, asegura Ana Ortiz.
Partidas orzamentarias
Así, no convenio, apuntan dende a Delegación, a Consellería de Educación comprométese á licitación das obras con cargo á aplicación orzamentaria e que, conforme os orzamentos de Galicia, ten previstos 103.769,45€ no ano 2024; outros 6.761.639€ no 2025 e a mesma cantidade, 6.761.639€ no 2026.
Como informara no seu día vigoalminuto, en abril de 2022 a Xunta de Galicia remitiu ao Concello a proposta do convenio de colaboración para a cesión de terreos (estos son xa propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), así como para garantir os permisos municipais necesarios para acometer as obras.
700 alumnas e elumnos e 8.200 m2 de superficie
De acordo co plan funcional inicial, o novo instituto terá capacidade para arredor de 700 alumnos; ocupará unha superficie de 8.200m2 construídos, sobre unha parcela de 12.576m2 totais.
Caballero non cre á Xunta
Pola súa banda, Abel Caballero, quen hoxe cualificou de “trolas, trolas e máis trolas”, os anuncios de Alfonso Rueda sobre as inversións da Xunta en Vigo no ano 2024, négase a asinar o convenio proposto pola Consellería de Educación.
O alcalde declarou, en incontábeis ocasións, que non se fía do presidente e tampouco do seu conselleiro de Educación. Asi, en outono de 2022, tachou a proposta de Román Rodríguez sobre o instituto de Navia de «un novo engano». Daquela, rexeitou que o Goberno galego pretendese que o Concello puxese o chan sen asumir compromiso algún.
Ao mesmo tempo, lembraba que o conselleiro tiña na súa man a versión do convenio que propón o Concello de Vigo. No mesmo, sinalaba Caballero, recóllense prazos, orzamentos e compromisos concretos.