Dende este domingo, día 10, e ata o vindeiro venres 15 de decembro, preto de 150 persoas maiores de 50 anos de 18 concellos da provincia gozarán dunha estancia no Gran Talaso Hotel Sanxenxo e no Hotel Carlos I grazas ao programa “Depotermal”, organizado pola Deputación de Pontevedra.
Durante a súa estancia poderán gozar de tratamentos de barros quentes; sesións monitorizadas de activación muscular e articular; sauna e ducha circular, entre outros.
No Hotel Carlos I Silgar de Sanxenxo aloxaranse 87 persoas dos concellos da Estrada; As Neves; Baiona; Gondomar; Marín; Moaña; Mos; Nigrán; O Porriño; Redondela; Soutomaior; Tui e Vigo. Por outra banda, o Gran Talaso, tamén en Sanxenxo acollerá a un grupo de 55 persoas procedentes da Estrada; Baiona; Cuntis; Marín; Ponteareas; Pontevedra; Salceda de Caselas; Tomiño e Vigo.
Beneficiarios
O programa de termalismo e saúde está dirixido ás persoas maiores de 50 anos, xubiladas, pensionistas, persoas cun recoñecemento do grao de diversidade igual ou superior ao 65% ou que teñan acreditado un respiro familiar.
Asi, o mesmo ten como finalidade facilitarlles aos veciños da provincia o acceso a actividades de ocio saudable e envellecemento activo en establecementos hostaleiros. Ademais, ao mesmo tempo, pretende ser un programa dinamizador da economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade ao desestacionalizar a demanda.
Diurno e pernoita
“Depotermal” conta con dúas modalidades: unha diúrna, mediante a que as persoas beneficiarias asisten aos establecementos termais durante cinco días consecutivos; e outra con pernoita, a través da que se ofrece unha estancia de seis días e cinco noites.
En total, son 2.447 as persoas beneficiarias, das que 664 aproveitarán a asistencia diúrna e 1.783 persoas a asistencia con aloxamento.