Este martes comezaron os traballos de corta de árbores que dan inicio ás obras da primeira fase da Modificación Puntual do Plan Parcial de Navia, a construción do polígono 1, que consiste na edificación dunhas 38 vivendas dun total de 1.600 previstas na ampliación. A Asociación para a Defensa da Ecoloxía (ADEGA) manifesta o seu rexeitamento a un proxecto urbanístico “que vai destruír de forma definitiva o que resta dun dos poucos anacos de bosque atlántico da cidade de Vigo”.
Oposición da veciñanza
Asi, no ano 2018 cando, sen contar coa aprobación do PXOM, se anunciou a tramitación da modificación, “promovida pola Xunta”, do Plan Parcial de Navia, iniciándose inmediatamente o breve período de exposición pública. Deste xeito as asociacións veciñais da parroquia e os grupos ecoloxistas tiveron acceso a un Documento Ambiental Estratéxico que apenas facía mención á existencia da carballeira.
Ese documento, “deixaba claro que o proxecto contaba coa destrución total da masa de bosque autóctono existente para a súa execución”. Iniciouse entón un movemento, “no que ADEGA formou parte activa”, para esixir que dita ampliación respectase o que constituía unha das últimas carballeiras da cidade, con iniciativas divulgativas como faladoiros e roteiros para pór en valor o espazo.
Ao mesmo tempo, impulsou a redacción e presentación de alegacións ao proxecto por parte de diferentes colectivos que tamén esixían o soterramento da VG-20 para paliar a contaminación acústica do barrio e a diminución da altura das vivendas proxectadas. “Cabe sinalar que as alegacións que foron contestadas non foron debidamente notificadas a tempo”.
“Incumprimento sistemático”
Cando a primeira etapa do proxecto de vivendas, o PAU de Navia, foi aprobado pola Xunta en 1993 e posteriormente polo Concello de Vigo en 1996, nos criterios de ordenación e normativa de aplicación dicíase textualmente que “as zonas verdes serán situadas preservando as masas forestais existentes”.
Con todo, tras o remate do proxecto, “a realidade foi que non se mantivo en pé nin unha soa árbore da antiga carballeira existente neses terreos. Tamén se incumpriu o prometido cando o que ía ser un parque cunha ampla zona verde e arborado se transformou nunha xigantesca explanada de cemento sen sombra e sen apenas elementos vexetais”.
Eliminación de bosque autóctono
Nasta liña, os ecoloxistas subliñan que por esta dinámica constante de eliminación da masa de bosque autóctono nas etapas anteriores, ainda que o proxecto establecese “o desenvolvemento da Modificación do Planeamento vai encamiñado a respectar na medida do posible estes conxuntos arbóreos” e dende Urbanismo insistir tamén en que se preservaría a carballeira, “dende ADEGA asumíamos que os traballos de corta iniciados onte ían acontecer con total seguridade”.
Outras alternativas
Os ecoloxistas subliñan que “entendemos a necesidade de crear vivenda de promoción pública, sobre todo no contexto de dificultade no acceso á vivenda que vive o noso concello por mor da suba dos alugueres”. Pero, ainda así, subliñan que existen outras opcións para atender esta demanda que pasan polo aproveitamento do solo xa construído en estado de abandono, “tan abundante na nosa cidade”; e a rehabilitación ou derrubamento dos mesmos “en troques de recorrer sistematicamente á destrución de zonas forestais e agrarias”.
Un modelo urbanístico desfasado
Ademais, sinalan a necesidade de “abandonar dunha vez o vello paradigma na planificación de proxectos urbanos, herdeiro do urbanismo dos anos 70 e 80, o cal só procura apiñar o maior número de vivendas na menor superficie de solo posíbel”.
Ese modelo, entenden, non ten en conta a importancia de outros elementos arquitectónicos e infraestruturas “entre as que teñen especial importancia para a saúde e calidade da cidadanía a existencia de grandes zonas verdes conformadas por especies arbóreas, entendidas e integradas, non como simples elementos decorativos, se non como elementos activos dunha cidade funcional”.
As mesmas, engaden, proporcionan termorregulación; absorción acústica e un hábitat para outras especies, “provendo ademais de espazos de lecer e desfrute da natureza a pé de porta“. Deste xeito, en Navia “atopámonos ante unha nova oportunidade perdida para Vigo de gañar calidade de vida en termos de saúde comunitaria e ambiental e de apostar por un modelo de cidade adaptada ao novo contexto do cambio climático e, unha vez máis, asistimos ao desleixo das nosas administracións cara a conservación das paisaxes naturais”.