En 15 días podes convertirte nun bo arqueólogo, polo menos se pasas polo ‘Pequeno obradoiro de arqueoloxía. Convértete en arqueólogo por un día’ que se desenvolverá do 19 ao 31 de xullo no Museo de Castrelos. Unha experiencia didáctica, divulgativa e interactiva de martes a venres (11:30 a 12:30 horas) na que os participantes fan unha escavación arqueolóxica coa que experimentarán dalgúns aspectos da vida cotiá como a caza, a pesca, a elaboración de xoias, o fundido de metal e o acuñado de moedas, entre outros.
Dirixido a todos os públicos, tanto rapaces como maiores, os participantes escavarán distintas épocas, como o paleolítico, o neolítico, o castrexo e a romanización, o que permitirá afondar nos coñecementos sobre a historia de Vigo. A única condición para participar: ter máis de 8 anos e estar acompañado dun adulto se se é menor de idade.