A Deputación de Pontevedra súmase á Liga de Cruceiros Cíes-Rande que promoven as principais entidades náuticas vinculadas ao deporte de vela da Ría de Vigo. A institución provincial impulsa esta proba que ten por obxectivo fomentar o deporte da vela e a súa desestacionalización, así como poñer en valor a súa práctica deportiva.
De xaneiro a decembro de 2014
O circuíto, que comezará o 13 de xaneiro e rematará o 14 de decembro de 2024, foi presentado nun acto na praia de Samil ao que asistiron a vicepresidenta primeira da Deputación, Marta Fernández-Tapias; José Ramón Lete, secretario xeral para o Deporte; a delegada da Xunta de Galicia, Ana Ortiz; e, entre outros, o presidente da Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde.
ORC, Solitarios, A Dous e Concentración Náutica
As principais entidades náuticas que están implicadas na organización da Liga de Cruceiros Cíes-Rande son o Monte Real Club de Yates de Baiona; Real Club Náutico de Vigo; o Real Club Náutico Rodeira de Cangas; Club Náutico San Adrián de Cobres; Club Social Moaña Mar e o Liceo Marítimo de Bouzas. Contan, ademais, coa colaboración da Real Federación Galega de Vela; o Club Marítimo de Canido e a Asociación de Entidades Náuticas Ría de Vigo.
Na proba teñen cabida os ORC, Solitarios, A Dous e Concentración Náutica que regatearán nunha sola xornada, os sábados, en probas que, no seu conxunto, definirán aos campións de cada categoría ao seu remate.
A primeira proba o 13 de xaneiro…e o 10 de febreiro en Vigo
A primeira cita do circuíto terá lugar o 13 de xaneiro no Club San Adrián de Cobres ao que tomará relevo o Real Club Náutico Rodeira de Cangas o día 27 do mesmo mes. Na terceira proba o testigo pasará ao Real Club Náutico de Vigo, o 10 de febreiro; a cuarta no Club Social Moaña Mar o día 17 de febreiro; a quinta no Liceo Marítimo de Bouzas o 16 de marzo e a última, coa que se pecha a primeira entrega da Liga de Cruceiros Cíes-Rande, o 20 de abril no Monte Real Club de Yates de Baiona, onde tamén se celebrará a entrega de premios final.
Tralas regatas do verán retomarase a Liga Cíes-Rande o 14 de setembro no Monte Real Club de Yates de Baiona. O circuíto continuará o 5 de outubro no Liceo Marítimo de Bouzas, o 26 do mesmo mes no Real Club Náutico Rodeira de Cangas, o 16 de novembro no Club Náutico San Adrián de Cobres, o 30 dese mes no Club Social Moaña Mar e rematará o 14 de decembro no Real Club Náutico de Vigo nunha xornada na que terá tamén lugar a entrega de premios da Liga.