Cultura

Esta fin de semana, en Vigo, o ‘Gran Circo Acrobático de China’

Con tres únicas funcións

Esta fin de semana, en Vigo, o 'Gran Circo Acrobático de China'

O Nadal no Auditorio Mar de Vigo encherase de maxia coa chegada do Gran Circo Acrobático de China, un show cargado de acrobacias e coreografías en todas as direccións. Só contará con tres únicas funcións os días 23 e 24 de decembro: o sábado ás 17.30 horas e ás 20.30 horas e o domingo ás 12.00 horas.

Medallistas olímpicos

Asi, a destreza acrobática dos seus máis de 30 artistas en escena, entre os que se atopan medallistas olímpicos ou procedentes do Cirque du Soleil, servirán de fío condutor e base, para unha historia chea de emocións fortes que deleita os cinco sentidos. Trátase dunha historia de valentía, coraxe, sacrificio e amor. Durante os seus catro actos, o público viaxará da man dos seus protagonistas: un neno soñador atraído pola beleza e un ave fénix, que deberán resgardarse do mal, nun lugar onde só parecía haber alegría e felicidade.

O Gran Circo Acrobático de China é recoñecido a nivel mundial pola súa excepcional habilidade, profesionalidade e creatividade, o que cativará á audiencia ofrecéndolles unha experiencia inesquecible, fusionando a súa encantadora narrativa con técnicas acrobáticas de vangarda e un elenco de artistas de élite.

Hollywood Symphony Orchestra

A programación do Mar de Vigo seguirá cunha presenza de cinema, a da Hollywood Symphony Orchestra o 26 de decembro, que achegará ao público ás bandas sonoras máis lendarias dos compositores John Williams e Hans Zimmer, quen puxo música a películas como “Indiana Jones”, “Interstellar”, “Gladiator” ou “Star Wars”. E non será o único encontro fílmico da tempada. O 21 de xaneiroas músicas de cine regresan de novo con John Williams, nesta ocasión para introducirnos de cheo no universo de Harry Potter.

Tributo a Queen

E a música non para. O concerto tributo a Queen por The Vipers ofrecerá o 27 de decembro, unha vibrante interpretación dos éxitos da inesquecible banda de rock, a que tantas veces serviu de pano de fondo para os nosos momentos máis especiais e recordos.

La Granja de Zenón

Igual de especial será o intre que os máis pequenos da casa vivirán grazas aos espectáculos infantís que integran a programación. O de La Granja de Zenón, co seu novo espectáculo, “El Gran Gallo”, o 30 de decembro será un deses encontros especiais, e contará con dous pases para que ninguén quede sen ver aos seus personaxes favoritos deste gran éxito televisivo.

Pica, Pica

Doutra banda, o grupo infantil Pica, Pica convidaranos a darlle a benvida ao aninovo o 3 de xaneiro da forma máis divertida, co seu último espectáculo “Bailando”. Será un evento perfecto para gozar en familia das súas novas cancións infantís e os mellores éxitos do 80s.

Concierto de Año Nuevo

O incrible “Gran Concierto de Año Nuevo de Johan Strauss, coa Strauss Festival Orchestra e o Strauss Festival Ballet Ensemble“, deixaranos a todos coa pel de galiña o 7 de xaneiro. Achegarémonos á experiencia de como é vivir un evento tan emblemático como o Concerto en Viena de Aninovo, cheo de clásicos que crearán un ambiente máxico e deixarán un ronsel de felicidade no público.

‘El Lago de los Cisnes’

Non será o único clásico presente nesta programación de 2024 no Auditorio Mar de Vigo, xa que conta coa magnífica obra “El Lago de los Cisnes” da man do Gran Ballet de San Petersburgo, o 12 de xaneiro. Unha cativadora historia de amor aínda máis fascinante grazas ao seu encanto, visible no coidado da tradición, o vestiario e a sobriedade e perfección das súas coreografías.

Toda a programación pode consultarse na páxina web do Auditorio Mar de Vigo. As entradas para todos os espectáculos están á venda a través de www.teuticket.com.

También te puede interesar