Xa se coñecen os investimentos destinados aos concellos da Área de Vigo e do sur da provincia que recolle o ‘Plan +Provincia’ da Deputación. En concreto, os concellos de Arbo; Baiona; A Cañiza; Covelo; Crecente; Fornelos; Gondomar; A Guarda; Mondariz; Mondariz-Balneario; Mos; As Neves; Nigrán; Oia; Pazos; Ponteareas; O Porriño; Redondela; O Rosal; Salceda; Salvaterra; Soutomaior; Tomiño e Tui recibirán este ano preto de 20 millóns de euros, o que supón preto de 2 millóns de euros máis que os destinados pola institución provincial a estes concellos o pasado ano, cando recibiron 18 millóns.
Luis López, presidente do organismo provincial, remitiu unha carta aos alcaldes e alcaldesas tanto destes, como dos restantes concellos de menos de 50.000 habitantes que se benefician do ‘+Provincia’, detallando os recursos que lles corresponden e as principais novidades do plan, cuxa convocatoria publicouse tamén o mércores no Boletín Oficial da Provincia logo de ser aprobado no último pleno do 2023. A partir de agora, os concellos terán tres meses para presentar solicitudes.
4,2 millóns máis no plan de obras e servizos
Asi, o plan, elaborado conforme aos principios de reforzo da capacidade inversora, maior autonomía local e atención aos retos comúns de futuro, pretende, tal e como remarcou o presidente na carta remitida aos concellos, “avanzar conxuntamente nun modelo de cooperación e lealdade institucional que permita desenvolver as múltiples potencialidades da provincia”.
Con este obxectivo, neste 2024 o plan de obras e servizos da Deputación incrementou a súa dotación en 4,2 millóns de euros, ata alcanzar os 48,2 millóns de euros, que se distribuirán entre os 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia a través de catro liñas.
A primeira delas, dotada con 33,74 millóns de euros vai destinada a investimentos; a segunda, con 4 millóns, céntrase no gasto corrente dos concellos; unha terceira, de 9,25 millóns, para a activación do emprego e a cuarta e a novidosa liña, dotada con 1,2 millóns, para proxectos transformadores relacionados coa mobilidade.
Área de Vigo
No caso da contorna de Vigo e sur da provincia, os 19.814.535 euros que recibirán os seus concellos permitirán destinar ata 13,8 millóns de euros a novos investimentos, 1,6 millóns de euros a gasto corrente, 3,8 millóns de euros a fomentar o emprego e preto de 500.000 euros a proxectos transformadores relacionados coa mobilidade.
Para facilitar a xestión dos recursos, o ‘Plan +Provincia’ permite flexibilizar o traspaso de crédito entre liñas, de tal forma que poderá traspasarse o 100% das liñas 2,3 e 4 á liña 1; ata o 60% da liña 3 á liña 2; e entre o 30% e con carácter extraordinario ata o 50% da liña 1 á liña 2 de acordo cos requisitos establecidos nas bases publicadas o pasado mércores no Boletín Oficial da Provincia.
Ademais, tamén se incorpora por vez primeira o criterio de reto demográfico para ponderar o impacto do envellecemento e a perda de poboación nos últimos dez anos.
Inversións polo miúdo, concello a concello
Máis polo múdo, o ‘Plan +Provincia’ recolle que Arbo recibirá 511.166 euros, 57.265 euros máis que o pasado ano; Baiona 1.034.661 euros, (+75.650); A Cañiza 640.724 euros, (+57.609 euros); Covelo 578.203 euros, (+94.618); Crecente beneficiarase de 492.482 euros (+ 75.080 euros); Fornelos de Montes de 469.366 euros (+60.755); Gondomar, 1.113.740 euros, (+84.857 euros); A Guarda de 893.334 euros (+104.735); Mondariz recibirá 594.897 euros, (+50.554 euros); Mondariz-Balneario 309.181 euros (+ 33.661); Mos 1.086.623 euros; (+82.466 euros); As Neves beneficiarase de 619.486 euros, (+48.004); Nigrán de 1.115.847 euros, (+69.681 euros); Oia de 530.305, (+46.801 euros); Pazos de Borbén de 472.557 euros, (+40.703); Ponteareas recibirá 1.280.127 euros (+117.735); O Porriño 1.098.605 euros, (+72.964 euros); Redondela 1.246.289 euros (+ 80.674); O Rosal beneficiarase de 647.351 euros (+35.798); Salceda de Caselas de 741.681 euros, (+17.299 euros); Salvaterra de Miño de 1.170.695 euros (+ 283.501); Soutomaior de 617.237 euros, (+18.639); Tomiño recibirá 1.387.397 euros, (+113.529) e Tui 1.162.582 euros, 74.579 máis que no 2023.