Milleiros de traballadoras e traballadores da limpeza de edificios e locais reclamaron hoxe nas rúa unhas “condicións digna”. Asi, manifestáronse nas das principais cidades de Galicia para esixir uns convenios provinciais que dignifiquen as súas condicións laborais.
A súa mobilización fixo que os paros de 24 horas convocados en Pontevedra e Ourense rexistrasen un “amplo seguimento”, segundo os sindicatos, nunha xornada na que a folga indefinida de Lugo vai camiño de cumprir xa 90 días.
Mobilizacións “ante o inmobilismo da patronal”
As empregadas galegas da limpeza apostaron nas asembleas celebradas recentemente por intensificar as mobilizacións para reclamar uns convenios provinciais dignos “ante o inmobilismo da patronal estatal Aspel, que teima en achegar propostas inasumíbeis que non supoñen unha mellora das condicións de traballo”. Deste xeito, á folga indefinida de Lugo sumáronse hoxe paros de 24 horas nas provincias de Pontevedra e de Ourense, mentres que na Coruña levouse a cabo unha acción reivindicativa.
Manifestación en Vigo
Durante a xornada de hoxe desenvolvéronse distintas protestas, con manifestacións e concentracións pola mañá en Vigo, Pontevedra e Ourense, Lugo e Vilagarcía. Na nosa cidade -como na capital- as mobilizacións repetiranse tamén durante a tarde, con saída do Centro Comercial Gran Vía ás 17:00 horas e da praza da Peregrina ás 19:00 horas, respectivamente. Ao longo de todo o día a accións dos piquetes informativos está a ser intensa, e nalgúns caso, a Policía optou por levar a cabo algunhas identificacións.
Soldos inferiores ao Salario Mínimo
A secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, que participou na multitudinaria manifestación de Vigo, salientou a importancia da loita que están a levar a cabo as traballadoras da limpeza do sector en defensa dos seus dereitos. Asi, subliñou que tanto o convenio de Lugo como de Ourense contemplan salarios inferiores ao SMI. “Mais as propostas de Aspel non chegan ao salario mínimo; mentres que en Pontevedra ofrecen unha suba de soldos do 2.66 %, por debaixo do IPC real de 2023”.
Éxito da xornada de loita
Fernández cualificou de “éxito” o desenvolvemento da xornada, e cifrou o seguimento dos paros en máis do 65%, tendo en conta que a pesar de que a incidencia na industria (sobre todo na automoción) e nas fábricas (como as conserveiras) foi moi alta, os elevados servizos mínimos fixados nos servizos públicos (centros de saúde, hospitais, aeroportos, Concellos, colexios, etc) –nalgúns casos incluso do 100%- reduciron o seu impacto.