Un total de 23 estudantes do ciclo de grao medio de Técnico en Coidados Auxiliares de Enfermaría (TCAE) comezaron o seu período de formación no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo. Trátase do segundo grupo, xa que ao longo do ano o Chuvi acolle a 80 destes técnicos para completar a súa preparación.
Este alumnado de TCAE, procedente de distintos centros educativos da cidade, rematará a súa aprendizaxe no Cunqueiro e o Meixoeiro, realizando este módulo de FCT -formación en centros de traballo- imprescindible para acadar as competencias profesionais propias da titulación.
A supervisora de Calidade e Docencia da Área Sanitaria de Vigo, Inmacula Pardo, xunto coa Coordinadora de docencia TCAE, Modesta Riobó, foron as encargadas de darlles a benvida oficial, nun acto nos que se lles facilitou toda a información e normas para o desenvolvemento desta formación.
En toda a Área Sanitaria as e os profesionais, neste caso TCAEs, exercen unha importante labor docente, xa que titorizan a este alumnado durante a súa estancia nos hospitais.
Esta titorización é imprescindible para que o alumnado poida integrar na súa práctica os coñecementos teóricos adquiridos no centro educativo, así como tamén actitudes e valores para alcanzar as competencias profesionais necesarias que o habiliten para prestar unha atención sanitaria adecuada.