A Asociación Érguete cumpre este ano 39 anos de loita e traballo por mellorar a vida das persoas con adiccións. O soño daquelas nais que se érgueron para protexer aos seus fillos é unha realidade cada vez máis grande. Durante o ano 2023 a Asociación atendeu a 8.012 persoas, unha cifra récord e que supera en 1.305 a do ano pasado.
Sete programas
Para chegar a tantas persoas a Asociación Érguete conta con sete programas de intervención que permiten ofrecer ás persoas usuarias unha atención individualiza e adaptada a súa situación. A coordinadora da entidade, Elvira Rivas, destaca que “estes resultados anímannos a continuar a loita que
comezaron Carmen Avendaño, Dora Carrera e moitas outras nais fai case 39 anos, e a seguir mellorando e innovando nos nosos programas para chegar a todas as persoas que precisen axuda”.
Un dos programas nos que a entidade pon o foco é o de prevención. Rivas explica que “a nosa prioridade concienciar ás novas xeracións sobre comopode cambiar a vida unha adicción, á vez que lles dotamos de ferramentas para saber dicir que non e ter un ocio saudable”. Os e as profesionais da entidade visitaron cos seus talleres de prevención a 6.838 menores da provincia de Pontevedra e realizaron formacións para 1.103 familias de 15 concellos da área metropolitana de Vigo.
Asesoramento e vivendas de acollida
Rivas tamén quere destacar que, “ademais do de prevención, todos os nosos programas melloraron na súa atención e traballo coas persoas usuarias”. 777 persoas recibiron asesoramento xurídico gratuíto da man dos avogados e avogadas da entidade, 33 persoas residen nas vivendas de acollida que a Asociación ten en Vigo e 192 con condutas adictivas e problemas legais asociados, tamén adolescentes, recibiron un seguimento individualizado, familiar e asistiron a varias formacións na entidade.
Por último, a Asociación Érguete tamén continúa reforzando a súa presenza nos Centros Penitenciarios de A Lama e Teixeiro, axudando a mellorar as condicións de vida en prisión a 153 persoas.