Cultura

“Doutor Zhivago” xa dispoñible en galego

Publicado pola Editorial Galaxia

"Doutor Zhivago" xa dispoñible en galego

Editorial Galaxia publica na colección Literaria Universal a novela más mítica da narrativa rusa do século XX “Doutor Zhivago”, de Borís Pasternak, traducida por Aleksandr Dziuba.

Publicada por vez primeira, e traducida en Italia en 1957, a publicación de “Doutor Zhivago” non foi posible en Rusia ata 1988, ao abeiro da soviética Perestroika, e o seu autor tivo que rexeitar o Premio Nobel (1958) por presións das autoridades soviéticas, o que, xunto coa maxistral adaptación cinematográfica de David Lean, non fixeron máis que engrandecer este mito.

Yuri Andréyevich e Larisa Fiódorovna

A inesquecible paixón entre Yuri Andréyevich e Larisa Fiódorovna baixo o estrondo da vella Rusia imperial que se esboroa, cativou milleiros de lectores e lectoras en numerosas linguas, e agora por fin o fai tamén na nosa. Desde a Primeira Guerra Mundial, a Revolución rusa de 1917 e a posterior Guerra Civil de 1918 a 1920, acompañamos a Yuri e a Lara nos seus encontros e desencontros nos tempos incertos e terribles que lles tocou vivir.

Esta semana chegará a todas as librarías de Galicia.

Borís Pasternak (Moscova, 1890-Peredelkino, 1960). Poeta, novelista e tradutor (Rilke, Verlaine e Shakespeare), foi unha das voces máis senlleiras da literatura rusa do século XX. Ademais de Doutor Zhivago, a súa primeira e única novela, salientan os seus poemarios “A miña irmá a vida” (1922) e “O segundo nacimento” (1931).

Morreu marxinado polas autoridades soviéticas e sen comprender que estas o tratasen como un inimigo, cando o seu único delito fora “mostrar ao mundo as belezas do seu país”.

También te puede interesar