O cadro de persoal de Soling Instalaciones, empresa auxiliar do naval vigués, mobilizouse diante da Delegación da Xunta en Vigo para reclamar a implicación da Administración autonómica no mantemento dos seus postos de traballo. Os representantes sindicais denuncian que o anterior propietario vendeu a compañía “dun día para o outro sen dar ningún tipo de información” e que o actual dono mandou os traballadores/as para casa cun permiso retribuído sen que saiban cal vai ser o seu futuro.
77 empregados
Así, dende a CIG-Industria de Vigo explican que tras a venda da compañía o cadro de persoal (integrado por 77 persoas) recibiu cartas concedéndoselles permisos retribuídos de tres semanas para que se ausentasen dos seus postos de traballo, producíndose un cese de actividade. “O que non sabemos é o que vai acontecer con nós a partir do vindeiro día 26, cando remata o permiso retribuído”, sinala un dos delegados da CIG na empresa.
Os traballadores non saben quen comprou a empresa
Porque o anterior propietario négase a facilitarlle información á representación legal dos traballadores nin sobre o proceso de venda, nin dos futuros plans industriais, nin a respecto do mantemento ou non dos postos de traballo. “Non sabemos nin quen comprou Soling; o antigo administrador díxonos que a empresa estaba a pasar por un mal momento pero que todo quedaría solucionado antes da Semana Santa; mais a nosa sorpresa foi que se presentou nas instalacións unha persoa dicindo que era o novo propietario e que nos mandaba 15 días para casa”.
Inspección de Traballo e Fiscalía
Diante disto, os afectados xa lle trasladaron o caso á Inspección de Traballo e manterán unha xuntanza coa Fiscalía ante a gravidade dos feitos. De feito, onte rexistraron unha solicitude de reunión coa delegada da Xunta para abordar o caso e reclamarlle a implicación da Administración autonómica no mantemento da actividade e dos empregos. “Porque moito nos tememos que a intención da nova propiedade sexa liquidar a compañía, xa que nada se sabe dun posíbel plan de viabilidade”.
De feito, os traballadores teñen pendente de cobrar unha nómina e dubidan que vaian percibir o pago dos días de permiso retribuído. Ademais, ao persoal que se atopaba traballando noutros puntos de Estado tampouco se lles abonaron os gastos derivados dos desprazamentos nin as dietas correspondentes.