A fin de semana, incluido o día 18, día das Eleccións ao Parlamento de Galicia, teremos ceos cubertos. Segundo a previsión de MeteoGalicia, haberá claros este venres e precipitacións, febles, o sábado e o domingo.
Venres, 16
Estaremos baixo a influencia das altas presións mantendo un réxime de ventos de compoñente sur. Así, comezaremos a xornada cos ceos cubertos e con bancos de néboa localmente persistentes. A partir do mediodía abriranse grandes claros.
O vento soprará frouxo, de compoñente sur, e as temperaturas sufrirán un descenso, máis acusado nas mínimas, con 18 graos en Ferrol, A Coruña, Ourense e Vigo-aquí con 10 de mínima-; 17 en Pontevedra; 16 en Lugo e 15 en Santiago.
Sábado, 17
Manterase na influencia das altas presións centradas sobre a península Ibérica que seguirán deixando ventos de compoñente sur. Así, predominarán as nubes baixas durante toda a xornada, con orballos máis probables cara á noite na franxa atlántica.
Ventos frouxos do sur e temperaturas sen cambios significativos, con ascensos puntuais das máximas que chefarán a 20 graos en Ferrol, A Coruña e Ourense; 19 en Pontevedra e Vigo, con 12 de mínima; 18 en Lugo e 16 en Santiago.
Domingo, 18, día de Eleccións
Pasará unha fronte fría polo norte de Galicia que deixará ceos cubertos e precipitacións, agás na provincia de Ourense e o sur da de Pontevedra.
As temperaturas mínimas experimentarán un lixeiro ascenso non haberá cambios nas máximas que serán de 21 graos en Ourense; 19 en Pontevedra e Vigo-con 12 de mínima-; 15 en Ferrol y A Coruña; 14 en Compostela e 13 en Lugo.