A Deputación acaba de aprobar en Xunta de Goberno destinar máis de 1,2 millóns de euros para que sete concellos da provincia contraten a 89 persoas e poidan afrontar gasto corrente ao abeiro da liña 3, de activación do emprego, e 2 do Plan +Provincia. Benefícianse destes recursos A Illa de Arousa, Sanxenxo, Tomiño, Tui, Vilaboa, Vilagarcía e Vilanova de Arousa.
“Temos concedido xa 4,3 millóns de euros aos concellos baixo o paraugas do +Provincia, o programa récord de obras e servizos, dotado con 48,2 millóns de euros, para tender pontes cos concellos de menos de 50.000 habitantes e facer que o motor da provincia siga funcionando”, asegurou o presidente provincial Luis López.
No marco da liña 3, de emprego, a Xunta de Goberno aprobou preto dun millón de euros para que os
concellos de Sanxenxo, Tomiño, Vilaboa, Vilagarcía e Vilanova poidan contratar a 89 persoas
desempregadas. Ata o de agora aprobáronse preto de 4,1 millóns de euros para 27 concellos da provincia o que supón o 44,24% do orzamento global da liña de activación de emprego que ascende a 9,25 millóns de euros.
Vilagarcía
Deste xeito, Vilagarcía recibirá 284.000 € para contratar a 35 persoas desempregadas que traballarán como peóns axudantes albaneis (14); peóns pintores (5); peóns traballadores de conservación de parques (4); peóns instaladores electricistas (4); peóns forestais (4); peóns mantedores de instalacións deportivas (2); peón condutor operador de retroescavadora (1) e peón fontaneiro (1).
Tomiño
No caso de Tomiño serán 266.000 € para 20 persoas que se encargarán de executar tarefas de peóns de xardinería (11); traballo social (2); condutor retroescavadora (2); instalador electricista (1); técnico administrativo (1); mecánico (1); soldador (1); peón da construción (1) e enxeñeiro técnico forestal (1).
Sanxenxo, Vilaboa e Vilanova
Pola súa banda Sanxenxo destinará 245.000 € para que 21 persoas traballen como como auxiliar administrativo (7) e peóns de obras públicas (14); Vilaboa beneficiarase de 110.000 € do Plan +Provincia para contratar a 7 persoas desempregadas para desempeñar postos de traballo como albaneis (3), operarios de maquinaria forestal (2) e peóns forestais (2); e Vilanova 87.000 € para 6 persoas como guías de turismo (2), albanel (1), mantedor de edificios (1), tractorista (1) e limpador (1).
Gasto corrente
No caso da liña 2, de gasto corrente, o presidente informou que a Xunta de Goberno acaba de aprobar as primeiras achegas para concellos que, neste caso, ascenden a 193.000 euros e irán dirixidas á Illa de Arousa e Tui. A Illa recibirá 97.000 € para o servizo de recollida de lixo, xestión do punto limpo e limpeza da Escola Infantil e do Colexio A Torre e Tui 96.000 € para as festas patronais de San Telmo.