Continúan as discrepancias dentro do Goberno local de Redondela. Se hai uns días a Agrupación de Electores (AER) -coaligado co PSOE da alcaldesa Digna Rivas- acusaba á concellería de Parques e Xardíns, que dirixe Pedro Villaverde, de cometer un “arboricidio” na Avenida Mendiño, e comparar a Rivas co alcalde de Madrid, onte dende esta concellería rexeitan as declaracións do voceiro de AER.
Así, aseguran que a pasada semana realizáronse traballos de poda e limpeza nas árbores nesta avenida “para evitar posibles desprendementos das pólas que estaban secas e podres”. Neste sentido, o concelleiro rexeita as acusacións de ‘arboricidio’ da Agrupación de Electores, xa que os traballos levados a cabo polos traballadores municipais “realizáronse por motivos de seguridade”.
Ademáis, Pedro Villaverde advirte tamén que “AER engánase cando atribúe estes traballos a unha empresa, xa que foron operarios do Concello os que fixeron estas labores, axudados por un traballador externo nalgunhas actuacións”.
Árbores secas
Así mesmo, subliña que desde o departamento de Medio Ambiente realízanse estudos de xeito periódico para avaliar a situación do arboredo. Sobre este particular, a responsable do mesmo, Pilar Martínez, explica que cando comezaron os traballos de poda, “o servizo de Parques e Xardíns comprobou que algunhas árbores se atopaban en moi mal estado, con pólas de gran tamaño secas e podres, e que existía un grave risco de desprendemento”.
Neste sentido, apunta que a Avenida Mendiño é paso obrigado de centos de nenos e nenas e das súas familias, ao atoparse no acceso aos centros de ensino, conservatorio e instalacións deportivas. Por último, o concelleiro de Parques e Xardíns subliña que “a limpeza que se fixo nas árbores tiña como obxectivo evitar este perigo á veciñanza”, afirma Villaverde. Desde a concellería sinalan que “dúas das árbores foron retiradas, ao estar totalmente secas, e serán substituídas por dúas árbores novas”.