Será este domingo co espectáculo “Ignorancia Artificial. Nunca tal se vira”, no Auditorio Mar de Vigo (19:00h). Unha chiscadela á tecnoloxía en clave de humor, unha viravolta mental para preguntarnos se as novas ferramentas nos volven máis intelixentes ou máis ignorantes cada vez que se renovan; porque o fan sen preaviso, cando aínda non nos temos adaptado á innovación tecnolóxica anterior.
Con semellantes ideas de fondo subirase outra vez o pano dos monólogos R en 2024. Así, reiníciase en Vigo unha das accións máis emblemáticas da compañía, o exitoso periplo dos monólogos R que dende hai xa dezaseis anos fixo rir a miles de galegos e galegas das catro provincias, da man dos actores e actrices máis populares da terra. Este evento ofrecerá un ano máis humor “do país” en estado puro, conducido de novo por Xosé A. Touriñán (‘Touri’) ao que se lle unen desta volta Marta Doviro e Fede Pérez; falamos de tres dos grandes nomes da comedia en Galicia que, con seguridade, provocarán por enésima vez as gargalladas da súa audiencia.
‘Marcianadas’ de onte, imprescindibles hoxe
Hai anos a tecnoloxía era unha ‘marcianada’ reservada moitas veces a frikis e/ou snobs. Mais, case sen decatarnos, foise incorporando ao noso día a día e xa non podemos vivir sen ela. Levamos un teléfono no peto, non usamos cámaras con carrete, compramos roupa por Internet sen probala, traballamos dende a casa, temos toda a música nun terminal, podemos pescudar a cor da segunda capa de pel do escaravello peloteiro nas Antillas nun clic… Por citar tan só algunhas mostras desta revolución brutal.
Intelixencia Artificial
E cando xa pensamos que está todo ok e adaptámonos aos que consideramos ‘novos tempos’ chega outro tsunami tecnolóxico, a Intelixencia Artificial, e pon todo coas patas para arriba.
Volvemos comezar. Porque as novas tecnoloxías nos falan dun futuro que case non podemos nin imaxinar, que se achega a velocidades imposibles. Mais… somos, en realidade, cada vez máis intelixentes ou máis ignorantes? Iso preguntan Touri, Doviro e Fede Pérez.
Xosé A. Touriñán fará de mestre de cerimonias na cita de Vigo e, xa en marzo, na Coruña, e tamén dará boa conta das súas ocorrencias en varias intervencións no escenario. O cómico irá establecendo conversas coa súa compañeira e o seu compañeiro de escenario, Marta Doviro e Fede Pérez, respectivamente, que tamén ofrecerán os seus propios monólogos.
Trátase, en suma, de gañar por goleada ao chat GPT e a outras creacións artificiais cun percorrido polos textos humorísticos que levan máis dunha década conquistando o público. O obxectivo: relatar, parodiar, reflexionar e cuestionalo todo para facer pasar unha tarde de diversión á fiel audiencia dos monólogos R. humor “do país” no norte e no sur.