O Campionato Galego Promesas e Máster de combate, reunirá este sábado, 2 marzo, no pavillón do Gatañal, en Cangas, a máis de 700 deportistas, 45 árbitros, máis de 50 técnicos e todo o persoal da organización.
Horarios
Así, os combates serán en horario de mañá (a partir das 09:00 horas) e tarde (dende ás 15:30). Pola mañá celebrarase a competición das categorías máster, absoluta, júnior e precadete, mentres que pola tarde
será a quenda das categorías infantil e cadete.
Deportistas promesa
Este torneo nace co obxectivo de fomentar a participación dos deportistas promesas, aqueles con menos experiencia competitiva e por iso non se permite a participación dos primeiros clasificados do ranking galego, membros das seleccións galegas ou medallistas nacionais ou internacionais. É un evento de promoción do taekwondo, “no que sempre hai un fantástico ambiente e moita ilusión”.
A competición está organizada polo Club Sares TKD de Cangas, supervisada pola Federación Galega de Taekwondo e coa colaboración da Xunta e do Concello de Cangas. A entrada é de balde.