Comarcas

Seis concellos da provincia abren o proceso para contratar a 57 persoas sen emprego

Agolada, Baiona, Bueu, Crecente, Portas e Salceda de Caselas

Seis concellos da provincia abren o proceso para contratar a 57 persoas sen emprego

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar destinar máis de 1,5 millóns de euros para que 13 concellos da provincia contraten a 57 persoas, afronten gasto corrente e impulsen novos investimentos ao abeiro das liñas 1, de investimentos, 2, de gasto corrente, e 3 de emprego do Plan + Provincia.

Benefícianse destes recursos A Cañiza, A Estrada, A Lama, Agolada, Baiona, Crecente, Lalín, Meis, Portas, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño. “Seguimos tendendo pontes, e os datos son claros: no que vai de ano ao abeiro do Plan +Provincia temos aprobado xa máis de 7,5 millóns de euros para os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, asegurou o presidente Luis López.

Emprego

No marco da liña 3, de emprego, a Xunta de Goberno aprobou 800.000 euros para que os concellos de
Agolada, Baiona, Bueu, Crecente, Portas e Salceda de Caselas contraten un total de 57 persoas.

Baiona

En concreto, Baiona recibirá 198.654 € para contratar a 13 persoas desempregadas que traballarán como peóns de obras públicas (8), operarios de limpeza viaria e recollida de lixo (3), conserxe (1) e condutor de camión (1).

Bueu e Salceda

Bueu beneficiarase de 170.961 € para 13 persoas que ocuparán os postos de peóns de desbroces (4), oficiais de albanelería (2), oficiais electricistas (2), peóns de limpeza (2), oficial de carpintería (1), oficial de fontanería (1) e administrativo (1), e Salceda de Caselas destinará 135.620 € para contratar a
7 persoas como peóns de xestión de residuos (3), bedel (2), administrativo (1) e bibliotecario (1).

Agolada

Pola súa banda, Agolada destinará 122.784 € para contratar a 9 persoas desempregadas que traballen
como operarios pavimentadores (3), operarios poceiros de redes de saneamento (2), operarios montadores de edificios (2), operario pegador de cartaces (1) e administrativo con tarefas de atención ao público (1).

Crecente

Crecente beneficiarase de 94.556 € do Plan +Provincia para contratar a 7 persoas que para desempeñar
postos de traballo como peóns de obras públicas (3), condutor para camión xeral (1) e para maquinaria
pesada (1), auxiliar administrativo (1) e limpador (1).

Portas

Por último, Portas destinará 85.133 € desta liña 3 a contratar 6 traballadores como limpadores (2), condutor (1), varredor peón de limpeza (1), peón forestal (1) e peón xeral (1).

Liña 2, gasto corrente

No caso da liña 2, de gasto corrente, o presidente provincial informou que a Xunta de Goberno da Deputación aprobou 268.000 euros para os concellos de Lalín, Salceda de Caselas e Salvaterra de
Miño.

Polo miúdo, a Lalín diríxense 109.732 € que lle permitirán afrontar o pagamento de débedas e
acredores de gasto corrente e investimentos; Salvaterra de Miño 97.167€ para amortización de débeda con entidade financeira. Salceda de Caselas recibirá 61.413 euros para o servizo de atención e asesoramento psicolóxico (14.997 €), o plan de limpeza e desbroce (18.148 €), o plan do entorno das liñas de alumeado público (18.148) e a renovación da páxina web do Concello (10.119 €).

Subvencións para investimentos

Por último, a Xunta de Goberno da Deputación aprobou novas subvencións ao abeiro da liña 1, de
investimentos, do Plan +Provincia para seis concellos da provincia: A Cañiza, A Estrada, A Lama, Lalín, Meis e Mos.

Desta maneira, A Estrada recibirá 126.609 € desta liña para adquirir o antigo edificio do INEM; Mos
60.560 € para o subministro dunha miniescavadora, e A Lama 13.608 para a mellora de vías municipais en
Paradela e Baralla, en Xende.

Por outra banda, no caso da Cañiza, Lalín e Meis, as achegas da liña 1 do Plan +Provincia permitirán
financiar a parte correspondente aos concellos das actuacións financiadas ao abeiro do Programa PON2030 de infraestruturas e dotacións singulares, de tal maneira que a institución provincial financia o 100% das obras.

En concreto, trátase de 159.970 € para A Cañiza para proxecto de acondicionamento e mellora da eficiencia enerxética do campo de fútbol de Augas Férreas, cuxo orzamento ascende a 630.000 euros;
77.862 € para Lalín, para as obras do edificio polivalente de Carragoso, cuxo orzamento é de algo máis de
740.000 euros; e 70.140 €, para Meis, para completar o orzamento de 430.000 euros das obras de mellora
da eficiencia enerxética, seguridade contra incendios, reformar interiores e ampliación de prazas da Escola
Infantil 0-3 de Mosteiro.

También te puede interesar