Avanzan as obras do aparcadoiro disuadorio de Nigrán. A delegada territorial da Xunta en Vigo visitou este luns o ámbito da autoestrada AG-57, na súa conexión coa PO-324 (Gondomar-A Ramallosa) na que están a punto de finalizar os traballos, que supón un investimento de preto de 650.000 euros.
Trátase dunha nova actuación ao abeiro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation UE nunha superficie de 3.500m2 nos que haberá 72 prazas de aparcamento- incluindo dúas para persoas con mobilidade reducida- e tres puntos de recarga para vehículos eléctricos.
A obra dá continuidade á senda peonil existente na PO-340 e “constrúe zonas verdes con arboredo para sombra, ademais dunha franxa verde de 2,20 metros e un illote central axardinado”, sinalou a delegada. Ademais, repoñerase a parada de bus existente á entrada do aparcadoiro e habilitaranse cinco pasos de peóns, para dar continuidade ao tránsito peonil.
Ana Ortiz engadiu que se instala unha rede de drenaxe para a recollida de pluviais, a cal conectará a través de cuneta co río Miñor, e instalarase iluminación pública e vídeo vixilancia.