Licitado o proxecto para a creación da Unidade Maxilofacial no Hospital Meixoeiro de Vigo

Permitirá realizar ciruxías con anestesia local e con sedadión

Licitado o proxecto para a creación da Unidade Maxilofacial no Hospital Meixoeiro de Vigo

O conselleiro de Sanidade en funcións informou esta mañá no Hospital Meixoeiro da publicación na plataforma de Contratos Públicos de Galicia da licitación da redacción do proxecto básico e de execución e dirección da obra para a nova Unidade de Cirurxía Maxilofacial de Vigo, por un orzamento previsto de 110.153 euros. A nova unidade estará na primeira planta.

2.000 pacientes ao ano

Este trámite, tal e como sinalou Julio García Comesaña, supón un novo paso para inicialmente “realizar tanto cirurxías con anestesia local como con sedación, non só para pacientes da área sanitaria de Vigo senón tamén para os de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras”. O conselleiro engadiu que unidade comezará atendendo anualmente arredor de 2.000 pacientes.

No referente ao persoal, nunha primeira fase, a nova unidade Maxilofacial de Vigo estará formada por un equipo de dous especialistas en cirurxía maxilofacial; unha enfermeira; unha técnica auxiliar de enfermaría e persoal administrativo.

Equipamento

Polo que se refire ao equipamento, “de última xeración”, o Sergas xa adquiriu un ortopantomógrafo dixital que permite realizar radiografías panorámicas da boca, cunha imaxe de ámbolos dous lados do maxilar, da mandíbula e dos dentes, para identificar os problemas orais dos pacientes en 3D. Ademais, as imaxes poden visualizarse dende a plataforma de historia clínica electrónica IANUS de forma inmediata. Así mesmo, o emprego deste equipo supón vantaxes para pacientes e profesionais como a menor emisión de radiación, unha  resolución de imaxe de maior calidade que a radiografía analóxica e a garantía da  trazabilidade da información do paciente.

Proxecto

Ata o vindeiro mércores 20 de marzo permanecerá aberto o prazo de recepción de ofertas para a redacción do proxecto básico e de execución e dirección da obra. Desta forma, a previsión é que o proxecto estea adxudicado a finais deste verán para poder comezar os traballos o próximo ano.

También te puede interesar