Galicia

O BNG esixe a Abel Caballero que “garde a motoserra” logo dun “novo arboricidio” en Vigo

Pide os informes técnicos que xustifiquen as tallas preto do Castro

O BNG esixe a Abel Caballero que “garde a motoserra” logo dun "novo arboricidio” en Vigo

O Bloque Nacionalista Galego reclama o alcalde de Vigo, Abel Caballero, que “garde a motoserra” despois dun novo “arboricidio” en varias zonas de Vigo. Así o denunciou este mércores o portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, despois da talla “inxustificada” de varios exemplares de gran porte na rúa Manuel Olivié, nas proximidades do monte do Castro, e na contorna de Fátima.

“Estas actuacións engádense ás podas brutais e ás tallas que se están producir de maneira permanente en diferentes puntos da cidade”, alertou Igrexas, quen vén de reclamar explicacións ao Goberno municipal por estes casos así como os informes técnicos que motiven a retirada destes exemplares.

Acabar con estas prácticas

O voceiro do BNG insistiu na necesidade de poñer fin a este arboricidio para empezar a protexer e valorizar o arboredo como elemento fundamental do ecosistema urbano. “As árbores son moito máis que postes verdes, xogan un papel absolutamente chave na cidade para a mellora da calidade de vida”, reivindicou.

O Goberno local incumpre a Ordenanza de Medio Ambiente

Así, os nacionalista volveron demandar a posta en marcha dun Plan de Protección do Arboredo Urbano, así como a “necesaria” actualización da Ordenanza de Medio Ambiente, do ano 1994. “Unha ordenanza que o Goberno municipal insiste en incumprir de maneira continuada e deliberada”, lamentou Igrexas.

“O BNG o que lle temos que trasladar Abel Caballero é unha mensaxe rotunda, que sabemos é compartida por unha amplísima maioría das viguesas e dos vigueses: que poña freo a este arboricidio permanente, que garde dunha vez por todas a motoserra e que protexa as árbores ás que temos dereito as viguesas e os vigueses”, remachou.

Informes

En moitas ocasións, o alcalde xustificará a talla de árbores, en diferentes lugares de Vigo, debido ao seu mal estado “acreditado por informes técnicos”. Tal foi o caso de Vía Norte; Miñoca; Ronda de Don Bosco; Gregorio Espino; Martínez Garrido; Gran Vía ou Samil: precisamente,nestes dous últimos casos a oposición xa reclamara eses informes técnicos, exactamente, no caso das tallas realizadas en Samil e Gran Vía -no treito entre a Praza de España e a Praza de América.

Abel Caballero sempre mantivo que a decisión de cortar as árbores obedecía a “medidas preventivas recomendadas polos técnicos para garantir a seguridade e evitar riscos a vehículos e peóns. En todos eses casos, os estudios realizados ás árbores reflectían que eran “exemplares enfermos, secos ou que botaran raíces nun chan que non era o adecuado”, co cal aumentaba a posibilidade de caída.

También te puede interesar