Comarcas

Pioneiros no impulso á xuventude

A Deputación prioriza a elaboración do I Plan Estratéxico de Xuventude da provincia

Pioneiros no impulso á xuventude

A Deputación de Pontevedra presentou aos concellos da provincia as liñas mestras do seu novo servizo de Xuventude e Reto Demográfico, posto en funcionamento neste 2024 baixo o liderado de Jorge Cubela.

Así, o deputado provincial, e alcalde de Cerdedo-Cotobade, foi o encargado de expoñer as novas liñas de subvencións e proxectos impulsados polo novo servizo da Deputación e de escoitar tamén as demandas de concelleiros e persoal técnico de trinta concellos da provincia.

“Como alcalde –asegurou Jorge Cubela- sempre botei en falta a implicación doutras administracións en
materia de xuventude e nós, precisamente, o que queremos desde a Deputación é cubrir ese oco con este
novo servizo”.
Neste eido, asegurou, “o noso compromiso é escoitar as vosas propostas, iniciativas e ideas en materia de xuventude, para atendelas en igualdade de condicións, sen filtros políticos.

Tres meses de traballo

Deste xeito, nos menos de tres meses de funcionamento do novo servizo de Xuventude, tal e como
explicou Cubela, tense realizado xa un estudo da normativa e do que se está a desenvolver neste ámbito
noutros organismos e deputacións provinciais. Ademais, tamén se puxeron en marcha iniciativas como os
Premios Provinciais á Xuventude, o Ciclo de conferencias Aida Fernández Ríos ou o Plan +Xuventude, a primeira liña de subvencións por concorrencia competitiva creada pola institución provincial para asociacións xuvenís e grupos informais.

Plan Estratéxico de Xuventude

Xunto a estas iniciativas, iniciouse xa o proceso de elaboración do I Plan Estratéxico de Xuventude da
provincia que se redactará tendo en conta a todos os sectores e actores implicados (desde os concellos ata a propia xuventude) e se converterá no eixo central de acción das políticas xuvenís que a Deputación vai impulsar nos próximos anos.

Ademais, desde o novo servizo estase tamén a traballar en iniciativas dirixidas a concellos de reto demográfico para equipar locais xuvenís de titularidade municipal; en liñas de axudas para ANPAS e centros educativos públicos para organizar excursións a granxas escolas; nun programa de Semanas Brancas; nunha liña de axudas para que a mocidade poida acceder a vivenda no rural; nun programa de actividades extraescolares para Primaria e Secundaria; en iniciativas para loitar contra a fenda dixital e, entre outras, en programas centrados na saúde mental da mocidade.

También te puede interesar